venres, 28 de abril de 2023

Visitamos a S.D. Tirán

Hoxe visitamos o clube de remo S.D. Tirán co noso alumnado de 6º de Educación Primaria. Alí déronnos a coñecer un pouco a súa historia, na sala onde gardan todos os seus trofeos e bandeiras.


Despois tivemos a ocasión de coñecer as súas instalación e incluso puidemos facer unha mini competición de remo indoor cos seus ergómetros.


Finalmente saímos ao mar co seu bote escola para poder practicar un pouco o remo e experimentar as sensacións deste deporte tan arraigado no noso municipio.


 

venres, 31 de marzo de 2023

Visita da Fundación Phoenix Kids

Hoxe visitáronnos os monitores da Fundación Phoenix Kids, unha fundación que, entre outras cousas, organiza actividades deportivas e educativas, uns obradoiros que se desenvolven coa participación de moitos deportistas recoñecidos, incluso atletas olímpicos coma Gómez Noya que nesta ocasión non puido vir.

O obxectivo é presentar un abanico amplo de disciplinas deportivas ao alumnado e axudarlles a descubrir a que máis lles inspire. No noso caso viñeron a presentarnos unha serie de habilidades físicas coa que estivemos moi entretidos.





luns, 27 de marzo de 2023

Xornada deportiva no IFEVI

Hoxe vivimos unha xornada deportiva no IFEVI, dentro do programa XOGADE. Por unha banda, o noso alumnado de 6º estivo practicando voleibol con outros centros da comarca de O Morrazo.


E ao mesmo tempo, o noso alumnado de 5º de E. Primaria estivo practicando atletismo en pista, con modalidades como o lanzamento de peso, o salto de lonxitude, relevos e 500 m.




xoves, 9 de marzo de 2023

Imos á piscina!

Un ano máis, seguimos adiante co programa de piscina para 6º de E. Primaria, grazas á colaboración entre o concello de Moaña, que nos pon o autobús, e ao Centro Deportivo de Moaña, que nos ofrece unha tarifa reducida. Deste xeito, o noso alumnado pode disfrutar de actividades acuáticas. As sesións diríxeas o mestre de Educación Física, baixo a supervisión dos monitores e socorristas do centro.

Así, podemos poñer en práctica algunhas habilidades dos diferentes estilos de natación e algúns xogos acuáticos.


 

venres, 3 de marzo de 2023

Bici na escola

Hoxe tivemos na escola unha xornada de ciclismo, acompañounos un monitor que nos fixo unha actividade con bicis a través de circuitos para poñer en práctica as nosas habilidades coa bicicleta. Desde logo foi unha actividade diferente dentro das clases de Educación Física e bastante divertida.



 

mércores, 1 de febreiro de 2023

Campionato provincial de campo a través

Hoxe celebramos o campionato provincial de campo a través en Portas, logo de clasificarnos na fase zonal coas aulas de 3º, 4º e 5º de Educación Primaria. Unha actividade dentro do programa XOGADE, que integramos no noso PVAD e así conseguimos manter a práctica da actividade física dentro do horario lectivo, ademais de vivir unha experiencia provincial co resto dos centros da provincia que se clasificaron nas súas respectivas fases zonais.


Sempre hai un momento de nerviosismo nas saídas, pero é un aspecto tamén do deporte que hai que aprender a xestionar. E na parte final sempre hai que estar satisfeitos coa actuación de cada un, e sobre todo saudarse con deportividade. 


E tivemos a sorte de sacar aínda algunha medalla nalgunha das categorías nas que participaba o noso centro. En calquera caso foi tamén unha xornada de diversión e convivencia, posto que tiñamos ata un DJ que nos axudaba a facer o quecemento acompañado de música.