martes, 30 de novembro de 2021

Visita de Susana Rodríguez e Celso Comesaña

Hoxe recibimos a visita de toda unha campiona paralímpica en triatlón, Susana Rodríguez e o seu guía de atletismo, Celso Comesaña. Susana é albina de nacemento e ten unha discapacidade visual. Foi ademais campiona do mundo e de Europa en varias ocasións. Estivo explicándonos como chegou a ser atleta e como foi o seu percorrido no mundo do deporte paralímpico. Celso tamén nos explicou en que consiste ser guía e ámbolos dous destacaron con moita humildade e emoción os valores do deporte e, de xeito especial, do deporte paralímpico.

Debido á situación sanitaria actual, temos algún alumnado confinado na súa casa, pero tivemos a ocasión de conectar con eles mediante videoconferencia.

Puidemos inmortalizar a súa visita lucindo a súa medalla de ouro de campeona paralímpica de triatlón en Tokio 2020.




martes, 16 de novembro de 2021

Voleibol na esccola

O 8 e 15 de novembro tivemos dúas xornadas de voleibol a cargo dun monitor do voleibol Vigo, unha actividade enmarcada no programa XOGADE, na modalidade actividade deportiva escolar. Ensinounos fundamentos básicos do voleibol e estivemos practicando algúns tipos de golpeos.



venres, 12 de novembro de 2021

Celebrando o magosto

Un ano máis a celebración do magosto facémola con actividades e xogos deportivos, seguindo así a filosofía do noso Proxecto de Vida Activa e Deportiva. Este ano está marcado polo uso das mascarillas, pero polo menos xa podemos xuntarnos e facer xogos xuntos, algo que estivemos botando de menos durante algún tempo.


O día estivo espectacular e puidemos ir rotando por diferentes xogos dispostos en estacións. Foi moi divertido para todas e todos.




mércores, 10 de novembro de 2021

Cross zonal en A Xunqueira

Hoxe participamos no cross zonal de O Morrazo celebrado no entorno das pistas de atletismo de A Xunqueira. Este ano, debido á situación sanitaria actual, foi un cross diferente, competimos cada cole de xeito individual e tivemos que estar mentres puidemos coas mascarillas postas.


Fixemos saídas por categorías e sexo igualmente, pero solo co alumnado do nos centro. Algo pouco habitual, pero todos agradecemos poder volver a unha certa normalidade.








venres, 1 de outubro de 2021

Practicando críquet!

Na clase de 2º de Educación primaria estivemos a practicar críquet. O seu titor estivo traballando esta modalidade na aula, dentro do noso proxecto anual de centro, os xogos. Improvisamos os implementos necesarios con picas e algún material máis e o alumnado puido practicar esta disciplina tan pouco habitual para nós.



luns, 7 de xuño de 2021

Golfistas por un día!

Hoxe tivemos a ocasión de practicar unha disciplina deportiva pouco común nas clases de Educación Física. Grazas ao programa XOGADE, puidemos visitar as instalacións do campo de golf de Domaio e poñer en práctica as nosas dotes de golfistas.



Foi unha xornada interesante, onde puidemos aprender moitas cousas relacionadas co golf e, para a gran maioría, ter unha primeira toma de contacto.


No final da xornada puidemos practicar uns cantos golpes de drive, vendo desaparecer as bolas no fondo do campo de golf.


 

martes, 1 de xuño de 2021

Ti si que es un bo peixe, parte II

Hoxe tivemos a segunda parte da actividade de Ti si que es un bo peixe, unha actividade práctica e con xogos. Nesta ocasión o noso alumnado tiña que simular unha actividade de marisqueo no noso areeiro de salto de lonxitude. En grupos foron atopando produtos do mar que habitualmente recollen as nosas mariscadoras.



Para rematar obsequiaron ao noso alumnado cunha degustación de produtos do mar para que puideran facer unha merenda diferente, que agardamos que lles sirva para mellorar os seus hábitos alimentarios.