Amosando publicacións coa etiqueta A milla da curuxa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A milla da curuxa. Amosar todas as publicacións

venres, 13 de xuño de 2025

Premio unha baixada á praia!

Hoxe o alumnado de 3º de Educación Primaria recibiu o seu premio de baixar á praia para facer unha clase de Educación Física. Isto débese a unha iniciativa que puxemos en marcha para romper coa monotonía da milla da Curuxa, onde estabamos a observar que unha parte do alumnado fai o percorrido paseando moi lento e non chegabamos a tempo. Propuxemos un reto de dar un punto a cada alumno ou alumna que conseguira completar a milla no tempo estipulado, a clase que máis puntos acumulara nun periodo determinado obtería un premio. 

Deste xeito o alumnado de 3º puido gozar dunha clase de Educación Física diferente. Estivemos facendo lanzamentos de vórtex e facendo algunhas carreiras. Pasámolo xenial!





 

martes, 6 de maio de 2025

Unha milla chea de libros!

Hoxe celebramos o día do libro convertendo a nosa milla da Curuxa nunha biblioteca. O noso alumnado saiu en pequenos grupos e alí onde máis lles gustou sentáronse e os maiores léronlle aos máis peques. É unha maneira diferente de celebrar este día e ao mesmo tempo poñer de manifesto que o noso PVAD intenta estar integrado no resto de celebracións complementarias do centro, dunha maneira interdisciplinar. Aproveitando este entorno tan agradable que temos o noso alumnado puido gozar dos libros en plena natureza.




 

mércores, 30 de outubro de 2024

Unha milla terrorífica!

Este ano volveu a milla terrorífica. Despois de varios anos sen poder facela por cuestións meteorolóxicas, este ano a nosa ANPA Madreboa organizou unha auténtica milla do terror para conmemorar a celebración do Samaín. Foi un traballo espectacular das nosas familias e o resultado podédelo ver aquí. A verdade é que toda a comunidade educativa estivo encantada. Pola tarde a milla estivo aberta para que a puideran disfrutar outras persoas e a crítica foi fabulosa.

martes, 18 de outubro de 2022

A milla da Curuxa!

Acabamos de grabar un vídeo da nosa milla diaria, a Milla da Curuxa. Nel podemos ver a esencia da nosa milla e unha explicación moi clara de por que a facemos e como foron os nosos inicios. Todo iso acompañado dunha edición de vídeo que deixa un resultado espectacular, grazas a MalRaio Estudio Audiovisual. Agardamos que vos guste!

venres, 16 de setembro de 2022

Comezamos coa primeira milla do curso!

Arrancamos coa nosa primeira Milla da Curuxa deste novo curso académico que acabamos de comezar. Fixo un día espléndido e o alumnado estaba desexando saír xa. Atopamos un camiño moi limpo e foi unha ledicia saír a camiñar e a correr.



Había moitas ganas de milla e o alumnado non se quedou atrás nas subidas. Veremos se aguantamos este ritmo!




luns, 30 de novembro de 2020

Unha milla chea de medo!

Hoxe celebramos o Samaín cunha milla chea de medo. Dentro do noso Proxecto de Vida Activa e Deportiva, tratamos de establecer unha interdisciplinariedade coas diferentes actividades complementarias e celebracións do centro. Deste xeito, grazas á formidable colaboración da nosa ANPA Madreboa, puidemos gozar dun percorrido da nosa milla diaria moi diferente, cheo de numerosas caracterizacións propias do Samaín e celebrar este día dunha maneira diferente.





venres, 29 de novembro de 2019

A Gala do Deporte Galego no Faro de Vigo

Onte asistimos á Gala do deporte Galego a recoller o noso premio Galicia Sudable, onde puidemos compartir a experiencia con outros moitos atletas e deportistas. Hoxe o Faro de Vigo recolle as imaxes da Gala. Grazas pola difusión!




mércores, 20 de novembro de 2019

Premio Galicia Saudable

No día de onte o noso centro asistiu á Gala do Deporte Galego para recoller o Premio Galicia Saudable que se nos concedeu á entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa. Fomos acompañados por familias, mestres e alumnado do noso centro. Alí puidemos compartir escenario con atletas como Ana Peleteiro, Toño Campos ou Susana Rodríguez. Toda unha honra para nós compartir a experiencia con atletas desta categoría.









O noso centro está de noraboa!

O noso centro está de noraboa, xa que se nos acaba de conceder o Premio Galicia Saludable á entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa, segundo recolle a Resolución do 7 de novembro de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fan públicos os Premios Deporte Galego do ano 2018.

Todo un recoñecemento polo esforzo do noso centro na promoción da actividade física e hábitos de vida activa que levamos a cabo a través do Proxecto Deportivo de Centro.

venres, 20 de setembro de 2019

Primeiro día de milla deste curso 2019/2020

Hoxe poñemos en marcha a nosa milla diaria neste curso escolar. Temos novidades, xa que saímos do cole e collemos un pequeno tramo do novo Camiño Escolar. Agora resulta menos perigoso cruzar a estrada e facemos o regreso con máis seguridade.

 

Novamente voltamos á natureza, unha riqueza que temos na nosa contorna e que xa forma parte da nosa vida diaria. Esperamos facer moitas millas durante este curso.



Hoxe tamén nos acompaña o alumnado de 6º de Educación Infantil, que este ano están decididos a acompañarnos case todos os días. Moito ánimo para todos e todas.

xoves, 10 de xaneiro de 2019

Etwinning: Pequenos pasos para grandes éxitos

Este ano participamos nun proxecto europeo de Etwinning denominado "Small steps to great succesees". Este proxecto ten o obxectivo de familiarizar aos estudantes con diversas formas de actividade física, pero tamén elevar o nivel do seu estado físico e crear condicións para o desenvolvemento de intereses deportivos e ideas para o uso do tempo libre.

A continuación pódese ver un vídeo, elaborado para participar no proxecto, que pretende ilustrar accións de adestramento e participación en xogos olímpicos escolares, aproveitando que nós contamos coa nosa particular Olimpíada escolar de Moaña.



Con este proxecto espérase como resultados que os nenos e nenas amosen un maior interese nos deportes e no tempo libre activo. Preténdese que aprendan xogos novos e que se integren as actividades do proxecto no proceso educativo. Espérase que ao estudar diferentes deportes e coñecer atletas do seu país, amplíen horizontes nesta área.
Neste outro vídeo fixemos un montaxe sobre a nosa milla para dalo a coñecer aos países participantes no proxecto.



luns, 17 de decembro de 2018

Cogomelos na milla.

Hoxe atopamos, no percorrido da nosa milla diaria, varios cogomelos, un organismo vexetal pertencente aos fungos que crecen nesta época do ano.

Este tipo de acontecementos sérvennos para traballar aspectos didácticos propios das ciencias naturais, de xeito que o noso alumnado sae ao monte, non só a facer a milla, senón tamén a desenvolver aspectos curriculares, convertendo así a nosa milla nunha milla didáctica.

xoves, 11 de outubro de 2018

Hoxe chove e toca sesión de Móvete +

Como se pode ver hoxe tocounos Móvete +, pois estaba de chuvia e non puidemos saír a facer a nosa milla diaria. Neste caso con coreografías de Just Dance. O noso alumnado segue moi atentamente os bailes da pantalla e intenta reproducilos con moita exactitude. Pasan un rato moi divertido e moi movido, que ese é o obxectivo!

  

mércores, 20 de xuño de 2018

Xa temos a nos asegunda placa de "Escuelas de la milla"

Por segundo ano consecutivo temos a placa que nos identifica como gañadores do premio concedido por "las escuelas de la milla", un premio que recoñece o noso compromiso co fomento dun estilo saudable.

Deste xeito, destaca o noso gran número de millas percorridas e o noso compromiso por fomentar a actividade física infantil a través da diversión e do compañeirismo.





venres, 4 de maio de 2018

Queredes ver o que facemos na Milla da Curuxa cando chove?

Non todos os días podemos facer A Milla da Curuxa, porque chove, porque fai moito vento e é perigoso meterse entre as árbores, porque choveu moito o día anterior e o terreo está embarrado, etc. Pero nós non paramos, tal e como establecemos no noso programa Móvete+, temos unha alternativa que primeiramente consistía na posta en práctica dunha coreografía preestablecida polo Plan Galicia Saudable. Sen embargo, pouco a pouco esta coreografía foi perdendo interese entre o noso alumnado.

Para poder continuar adiante tivemos que buscar unha alternativa e que mellor que escoitar ao noso alumnado. Pouco a pouco fóronnos insistindo na proyección de vídeos de Just Dance, fixémoslles caso e xa non hai quen os pare!





luns, 23 de abril de 2018

O día do libro na Milla da Curuxa!

Un ano máis celebramos o día do libro convertendo a nosa Milla da Curuxa nunha milla lectora. Agrupamos ao noso alumnado en parellas ou grupos de tres, de xeito que o maior do grupo escollía un libro e debía lerllo ao resto durante a milla, no lugar que xuntos considerasen máis apetecible.

Desta maneira o percorrido da milla encheuse de alumnado entusiasmado co que lle estaban a contar os seus compañeiros e compañeiras. O día estivo fabuloso, cunha climatoloxía estupenda, que mellor para gozar coa lectura dun libro en plena natureza.

As caras dos máis pequenos e pequenas expresaban o seu interese, sentados na beira do camiño, ou incluso máis alá, buscando unha sombra ou un lugar máis cómodo.

  

venres, 20 de abril de 2018

De novo gañadores de "Las Escuelas de la Milla"

Un ano máis, no mes de outubro, pasamos a formar parte de "Las Escuelas de la Milla". Un programa que aborda o problema da obesidade infantil dunha forma divertida, sinxela e eficaz.

Para desenvolver o programa, igual ca o ano pasado, propoñen un reto mensual:
  • Outubro: correr unha milla un día de cada semana do mes.
  • Novembro: correr unha milla dous días cada semana do mes.
  • Decembro: correr unha milla tres días cada semana do mes.
  • Xaneiro: correr unha milla catro días cada semana do mes.
  • Febreiro: correr unha milla cinco días cada semana do mes.

Foi doado cumprir co reto porque nós partimos con vantaxe, xa que facemos a milla diariamente, é dicir, xa estabamos cumprindo en outubro o reto do mes de febreiro.

O que non resultou tan doado foi demostralo, xa que tivemos que estar diariamente sacando fotos de cada saída e logo subíndoas á páxina web do programa. Subimos moitas máis ca o ano pasado e deixamos constancia de máis retos, aínda así resultamos ser os segundos gañadores. Fomos elixidos por un xurado coma un dos centros máis colaborativos e coas fotografías e frases máis orixinais. Para o ano que vén teremos que ser aínda moito máis constantes na subida dos retos, posto que a competencia comeza a ser intensa.

Agora esperamos impacientes a entrega da nosa segunda placa conmemorativa que recoñeza o noso compromiso co fomento dun estilo de vida saudable.

mércores, 28 de marzo de 2018

A Milla da Curuxa segue dando de que falar.

Acabamos de descubrir que a nosa particular milla diaria, A Milla da Curuxa, estase a tomar como referencia nalgúns medios dixitais, como é o caso do blog 24 Zanahorias.

24 Zanahorias é un blog que, entre outras moitas cousas, fala de cociña, gastronomía e nutrición. Ten unha interesante variedade de receitas saudables.

Recentemente acaban de sacar un Magazine que, nunha das súas páxinas, recolle iniciativas e propostas que apostan pola saúde; todas importantes por pequenas que semellen, o importante é o sentido no que se avanza...Pois ben, entre esas iniciativas e apostas pola saúde mencionan a nosa milla diara!

Desde aquí, mil grazas por darnos difusión e, sobre todo, por etiquetarnos como iniciativa saudable.

mércores, 21 de marzo de 2018

2ª Xornada de XOGADE: recibimos ao CEIP de Quintela e ao CEIP de A Guía

Nesta segunda xornada de XOGADE somos os anfitrións. Hoxe visitáronnos o CEIP de A Guía e o CEIP de Quintela e con eles organizamos unha xornada a modo de competición triangular. En cada modalidade deportiva (baloncesto, balonmán, fútbol sala e xadrez) disputáronse tres encontros nos cales se enfrontaban sempre dous colexios e un descansaba.

Comezamos con baloncesto, coma sempre. A verdade é que competiron moi ben, sen discusións nin malas accións, case non foi necesario arbitrar. O resultado, coma sempre, foi o de menos. O importante é disfrutar da convivencia.



Rematado o baloncesto fixemos un parón, xa que era a hora da milla. Como non podía ser menos, invitamos ao alumnado visitante e aos seus mestres e mestras a facer a nosa Milla da Curuxa. Quedaron encantados, o alumnado visitante non paraba de preguntarlle ao seu profesorado por que non podía facer o mesmo no seu cole. A verdade é que, lamentablemente, non todos os centros teñen a sorte de ter un entorno coma o noso. Todo é cuestión de que se o propoñan.

 

Logo seguimos con balonmán, onde xa houbo máis competitividade, pois parte do alumnado está en equipos federados da comarca. En calquera caso, foi unha competición igual de limpa.



Finalizado o balonmán tivemos o parón do recreo, no que o alumnado visitante puido compartir ese tempo de lecer co resto do alumnado do noso centro. Unha vez rematado, tocábanos fútbol sala e, de xeito simultáneo, xadrez no ximnasio.

 

E xa para rematar, unhas partidas ao brilé todos misturados e unha instantánea final para o recordo, co alumnado dos tres centros participantes.