venres, 20 de setembro de 2019

Primeiro día de milla deste curso 2019/2020

Hoxe poñemos en marcha a nosa milla diaria neste curso escolar. Temos novidades, xa que saímos do cole e collemos un pequeno tramo do novo Camiño Escolar. Agora resulta menos perigoso cruzar a estrada e facemos o regreso con máis seguridade.

 

Novamente voltamos á natureza, unha riqueza que temos na nosa contorna e que xa forma parte da nosa vida diaria. Esperamos facer moitas millas durante este curso.



Hoxe tamén nos acompaña o alumnado de 6º de Educación Infantil, que este ano están decididos a acompañarnos case todos os días. Moito ánimo para todos e todas.

xoves, 27 de xuño de 2019

Comezamos coa froita

Xa deu comezo un novo periodo de reparto de froita que durará dúas semanas. Nestes días repartiremos un tipo de froita diferente cada día e como algunha vai sobrando, a medida que pasen os días o alumnado terá máis variedade para escoller a que máis lle apeteza. O obxectivo é que tomen froita e vaian creando hábitos de consumo de merendas máis saudables.

luns, 17 de xuño de 2019

Nova valoración DAFIS

Comezamos novamente coas valoracións DAFIS. Nesta última semana poñeremos en práctica de novo as distintas probas, seguindo os protocolos de valoración:

  • Composición corporal.
  • Prensión manual.
  • Back-Saver Sit and Reach.
  • Salto lonxitude pés xuntos.
  • Suspensión cóbados flexionados.
  • Resistencia cardiovascular (Course Navette).
  • 4 x 10 m.
Pronto poñeremos os resultados á disposición das familias e poderemos ver se continuamos coa tendencia de disminución dos índices de sobrepeso e obesidade.




sábado, 8 de xuño de 2019

¡¡¡GAÑADORES DA OLIMPÍADA ESCOLAR DE MOAÑA!!!

Hoxe foi un día histórico para o noso centro, por primeira vez conseguimos gañar as Olimpíadas Escolares de Moaña. Un éxito sen precedentes que quedará para sempre no recordo da nosa comunidade educativa.

Comezamos esta andadura fai cinco anos, conscientes de que os únicos obxectivos que nos plantexabamos era aumentar o máximo posible o número de participantes e achegarnos o máximo posible aos primeiros postos, que tiñamos o pleno convencimento de que era algo inalcanzable para nós, porque había centros con moito máis alumnado ca o noso.

Sen embargo, vimos como o ano anterior gañaba as olimpíadas un centro pequeno coma nós, o CEIP de Quintela, e non quedamos moi lonxe deles na nosa puntuación. É máis, solo con puntuar nas probas que deixamos desertas estariamos moi cerca de conseguilo. Isto unido a que este ano tiñamos cursos con moito nivel e que a participación era moi alta, facíanos soñar por vez primeira que podía ser posible.

Comezamos a xornada con moita concentración e con algo de nervios, porque sabiamos que podiamos conseguilo e a preparación foi con moito entusiasmo por parte do noso alumnado durante o mes de maio.

  

O seu esforzo foi inconmensurable e a ilusión e as ganas de todos e todas foi admirable. Por suposto, en todas e cada unha das probas tiñamos unha máxima, respectar aos nosos rivais sempre!

       

Enseguida comezaron a recibir medallas nun montón de probas e pola megafonía escoitábase por vez primeira que Tirán ía en cabeza!! Todos recollían as medallas con moito entusiasmo e, sen lugar a dúbida, con moita deportividade e compañeirismo.

      

Terminou a entrega dos últimos premios e todos agardabamos o reconto final das puntuacións. O CEIP de Reibón conseguía o terceiro posto, xa só quedabamos nós e os de Quintela. As caras do noso alumnado reflexaba esa tensión de crer que podía ser...



E cando a megafonía nos nombrou gañadores a explosión de alegría non puido ser maior. O noso alumnado non cabía en sí mesmo. Non era para menos, acababan de facer historia e sentían ese orgullo e esa satisfación de saberse partícipes dese gran logro.



Un soño imposible que se fixo realidade, con esforzo, con dedicación, pero sobre todo cun elevado nivel de participación. Doutro xeito non sería posible e isto débese en gran parte á dedicación tamén das familias. Grazas a eles tamén por formar parte disto.

Noraboa a toda a comunidade educativa do CEIP plurilingüe de Tirán e noraboa tamén aos centros que compartiron connosco o podio.

xoves, 6 de xuño de 2019

Xa temos tamén rocódromo no exterior!

O noso alumnado xa poderá disfrutar dun rocódromo exterior para o tempo de lecer, de xeito que seguimos avanzando no noso proxecto deportivo para o fomento e incremento da actividade física na escola.

Primeiro escollemos unha parede do noso centro, pedímoslle colaboración á nosa ANPA para darlle un bo lavado e démoslle unha man de pintura branca. A verdade é que cambiou bastante!

 

Logo fomos pintando ladrillos de diferentes cores ata conseguir un mosaico agradable e con moito color. Utilizamos un esmalte sintético para que a pintura non volva a coller a suciedade que tiña antes.



E finalmente colocámoslle as presas para ter un auténtico rocódromo a disposición do noso alumnado. Agora serán eles os que decidan que ruta tomar, xa veremos se lle resulta máis ou menos difícil...


 

martes, 28 de maio de 2019

Un ano máis xornada de atletismo no CGTD

Logo de disputar unha xornada previa en Cangas con centros do Morrazo, hoxe puidemos vivir unha auténtica xornada de atletismo no Estadio da Xuventude, no CGTD de Pontevedra, cun montón de centros da provincia que se clasificaron nas súas respectivas probas comarcales. É un día propicio para a convivencia con outros centros e para disfrutar dunhas magníficas instalacións. E, sobre todo, para disfrutar do atletismo.

Alí estivo o noso alumnado de 5º de Educación Primaria!