venres, 28 de outubro de 2016

Un Samaín movido

Este ano, como non podía ser menos, no noso Samaín tamén houbo actividade física. Como tódolos anos, o noso alumnado foi rotando polos distintos obradoiros relacionados con esta celebración (maquillaxe, cine, manualidades, etc.).

Diseñamos un obradoiro para que houbese movimento, proxectando vídeos de Just Dance no ximnasio. Por suposto, vídeos relacionados coa temática do Samaín: "Thriller" de Michael Jackson, Cazapantasmas e outros moi terroríficos!


xoves, 27 de outubro de 2016

Exposición de cabazas saudables

Esta semana celebramos o Samaín e propuxemos unha exposición de cabazas coa premisa de que a súa caracterización debía estar relacionada coa actividade física e coa alimentación saudable, en consonancia co noso Proxecto Deportivo de Centro.

Como podedes ver o resultado foi sorprendente e, como non podía ser menos, cunha pequena chiscadela á Milla da Curuxa. A creatividade do noso alumnado quedou ben reflexada nos seus traballos.

      

sábado, 15 de outubro de 2016

A nosa axenda

Este ano a portada da nosa axenda escolar está relacionada co noso tema central "Tirán saudable". Como vedes está chea de iconas relacionadas coa actividade física e coa alimentación saudable. Espéranos un ano cheo de accións saudables, onde a protagonista vai ser a nosa saúde. 


venres, 14 de outubro de 2016

O noso amigo Pepín

Pepín é o noso habitual e especial acompañante na milla. É un porco vietnamita que atopamos moi a miúdo e que a algúns nos da, de cando en vez, un pequeno susto. Ao principio pensabamos que era un xabarín. Pois nada máis lonxe da realidade, Pepín está domesticado e vive nalgunha das casas que está preto do Monte dos Remedios e chegada a súa hora, sae a dar o seu particular paseo polo percorrido da milla.

Atopámonos con Pepín moitas veces. Intentamos ter especial coidado de non asustalo, imaxinádevos decenas de nenos e nenas correndo cara el...pobre. Cando é así, o mestre que vai diante cos máis rápidos intenta apartalo do camiño. Deste xeito convértese nun espectador de luxo dos corredores e corredoras da milla que veñen máis atrás.

luns, 10 de outubro de 2016

Estreamos porterías de floorball!

Grazas a incansable colaboración dalgún pai do centro puidemos facer estas porterías para a práctica do floorball. Cuns tubos e unha rede construimos unhas moi similares ás prefabricadas, pero abaratamos costes!

Agora xa podemos desenvolver a unidade didáctica de floorball cos sticks que anteriormente nos mercara a ANPA Madreboa.

  

xoves, 6 de outubro de 2016

O noso centro xa forma parte de "Las Escuelas de la Milla"

Para a nosa sorpresa, acabamos de recibir unha invitación para participar nun programa escolar chamado "Las Escuelas de la Milla", patrocinado por DKV, baseado na mesma idea idea na que nos baseamos nós para poñer en marcha a nosa Milla da Curuxa, na iniciativa que surxiu no reino unido coñecida como "The Daily Mile".

Este programa aborda o problema da obesidade infantil dunha forma divertida, sinxela e eficaz. Consiste en animar a toda a clase a recorrer unha milla diaria, algo que nós xa facemos!

Para desenvolver o programa propoñen un sinxelo reto mensual:
  • Outubro: correr 1 milla un día de cada semana do mes.
  • Novembro: correr 1 milla dous días cada semana do mes.
  • Decembro: correr 1 milla tres días cada semana do mes.
  • Xaneiro: correr 1 milla catro días cada semana do mes.
  • Febreiro: correr 1 milla cinco días cada semana do mes.

En realidade poderiamos dicir que xa cumprimos o reto porque nós xa facemos a milla todos os días. En calquera caso unímonos ao reto, porque tamén é una forma de dar a coñecer o noso proxecto e servir de exemplo para os centros de toda España.

Ademais recibiremos un regalo de participación. Todo o profesorado e o alumnado que se apunte ao reto recibirá a pulseira das escolas da milla, para identificalos como participantes no reto e convertilos en firmes defensores da actividade física. 

E haberá un premio especial. De entre todos os centro educativos que participen no programa, un xurado seleccionará aos 3 máis colaborativos e coas fotografías e frases mensuais máis orixinais, para facerlles entrega dunha placa conmemorativa que recoñeza o seu compromiso co fomento dun estilo de vida saudable.




luns, 3 de outubro de 2016

Comezamos coa Milla da Curuxa!

Hoxe comezamos coa Milla da Curuxa, que é un dos piares fundamentais do noso Proxecto Deportivo de Centro. Esperamos que coa nosa milla diaria poidamos acadar todos os obxectivos recollidos no proxecto e poidamos gozar dos enormes beneficios que nos vai aportar. 

Imos ir alternando os distintos percorridos no Monte dos Remedios, en pleno contacto coa natureza . Saímos todos os cursos de primaria e como podedes ver, cada un ao seu ritmo. Unha cousa é seguro, que comezamos moi motivados.

 
 

Xa temos pista para o salto de lonxitude!

Desde hoxe xa podemos practicar o salto de lonxitude sobre unha superficie firme, grazas a que o concello creou unha pista de cemento. Desta maneira a práctica desta modalidade do atletismo, xa se pode desenvolver con maior seguridade no noso centro e, ademais, sen problemas de charcos e barro os días de chuvia. 

O noso alumnado terá, desta maneira, unha nova posibilidade de práctica de actividade física nos tempos de lecer. Agora queda sanear o foso de area para que tamén ofreza mellores condicións de seguridade e practicabilidade.