mércores, 28 de marzo de 2018

A Milla da Curuxa segue dando de que falar.

Acabamos de descubrir que a nosa particular milla diaria, A Milla da Curuxa, estase a tomar como referencia nalgúns medios dixitais, como é o caso do blog 24 Zanahorias.

24 Zanahorias é un blog que, entre outras moitas cousas, fala de cociña, gastronomía e nutrición. Ten unha interesante variedade de receitas saudables.

Recentemente acaban de sacar un Magazine que, nunha das súas páxinas, recolle iniciativas e propostas que apostan pola saúde; todas importantes por pequenas que semellen, o importante é o sentido no que se avanza...Pois ben, entre esas iniciativas e apostas pola saúde mencionan a nosa milla diara!

Desde aquí, mil grazas por darnos difusión e, sobre todo, por etiquetarnos como iniciativa saudable.

mércores, 21 de marzo de 2018

2ª Xornada de XOGADE: recibimos ao CEIP de Quintela e ao CEIP de A Guía

Nesta segunda xornada de XOGADE somos os anfitrións. Hoxe visitáronnos o CEIP de A Guía e o CEIP de Quintela e con eles organizamos unha xornada a modo de competición triangular. En cada modalidade deportiva (baloncesto, balonmán, fútbol sala e xadrez) disputáronse tres encontros nos cales se enfrontaban sempre dous colexios e un descansaba.

Comezamos con baloncesto, coma sempre. A verdade é que competiron moi ben, sen discusións nin malas accións, case non foi necesario arbitrar. O resultado, coma sempre, foi o de menos. O importante é disfrutar da convivencia.



Rematado o baloncesto fixemos un parón, xa que era a hora da milla. Como non podía ser menos, invitamos ao alumnado visitante e aos seus mestres e mestras a facer a nosa Milla da Curuxa. Quedaron encantados, o alumnado visitante non paraba de preguntarlle ao seu profesorado por que non podía facer o mesmo no seu cole. A verdade é que, lamentablemente, non todos os centros teñen a sorte de ter un entorno coma o noso. Todo é cuestión de que se o propoñan.

 

Logo seguimos con balonmán, onde xa houbo máis competitividade, pois parte do alumnado está en equipos federados da comarca. En calquera caso, foi unha competición igual de limpa.



Finalizado o balonmán tivemos o parón do recreo, no que o alumnado visitante puido compartir ese tempo de lecer co resto do alumnado do noso centro. Unha vez rematado, tocábanos fútbol sala e, de xeito simultáneo, xadrez no ximnasio.

 

E xa para rematar, unhas partidas ao brilé todos misturados e unha instantánea final para o recordo, co alumnado dos tres centros participantes.

venres, 16 de marzo de 2018

Hoxe achegamos o tenis de mesa á escola!

Hoxe tivemos a ocasión de coñecer unha nova disciplina coa que, ata agora, tivemos moi pouco contacto, o tenis de mesa.

O club Cinania TM de Cangas aceptou a nosa proposta de vir ao centro a amosar esta disciplina ao noso alumnado. Para iso explicaron un pouco a historia do club e o reglamento do tenis de mesa. O noso alumnado quedou abraiado cando lles amosaron varios vídeos de como é unha disciplina aberta para todos os públicos sen importar a idade, como o caso dun bebé ou de persoas ancianas. Tamén como pode chegar a ser tremendamente inclusiva, para aquelas persoas que poidan ter algunha discapacidade motriz, como un xogador sen brazos.

Logo o noso alumnado, por parellas, foise familiarizando coa modalidade nunha mesa de tenis de mesa que nos prestou unha familia, á que estamos enormemente agradecidos. Gustoulles bastante, mesmo había algún neno ou nena que lle pegaban bastante ben.

xoves, 15 de marzo de 2018

Xornada de Bádmintón no CEIP San Salvador de Teis

Tras a xornada de Bádminton+, levada a cabo no CEIP Plurilingüe de Tirán o 26 de novembro, o noso alumnado foi invitado a participar nun torneo desta modalidade no CEIP San Salvador de Teis.

Alí disputáronse varios encontros entre equipos de ambos colexios. Todos tiveron a ocasión de ir disputando partidos individuais, de dobres e de exercer de árbitros.

Debido ao sistema de competición todos estiveron continuamente participando, independentemente de se ían gañando ou perdendo. Finalmente foron eles os que conseguiron clasificar a algún equipo para a seguinte fase do campionato.

O mellor de todo foi a convivencia entre o alumnado e, como non, a sorpresa para a nosa alumna Uxía, que estaba de aniversario.

 

Chega o 2º reto do "Pasaporte Saludable"

Xa está aberto o prazo para presentarse ao 2º reto do concurso "Pasaporte Saludable". Neste caso trátase de facer unha pirámide humana de tres a seis compoñentes. Podedes buscar o escenario que máis vos guste. No colexio, nos vosos clubes, no grupo de actividades extraescolares ou na vosa propia casa.

Lembrade, os premios son os mesmos para todos os retos, un libro, un mandil e un obradoiro no Basque Culinary Center de San Sebastián. Ánimo!