venres, 30 de xuño de 2017

Participación Plan Proxecta Aliméntate ben

O CEIP Plurilingüe de Tirán acaba de decidir en claustro e en consello escolar a súa participación no Plan Proxecta, no programa Aliméntate ben, para o vindeiro curso 2017-2018.

As modalidades de participación serán as seguintes:

Deste xeito seguimos adiante cos obxectivos do noso Proxecto Deportivo de Centro, coa idea de fomentar unha alimentación saudable e potenciar o consumo dos produtos do medio rural e mariño.

 

O CEIP Plurilingüe de Tirán gaña de novo no Pasaporte Saudable

Unha vez máis o CEIP Plurilingüe de Tirán acada premios no concurso do Pasaporte Saudable. Conseguimos o primeiro e o terceiro posto, grazas ás creacións de Pedro Juncal de 3º de E. Primaria e a Diego Corral de 2º de E. Primaria. Para Pedro será a táboa de bodyborad, o libro e o mandil, para Diego tamén un libro e un mandil. E como acadamos o primeiro posto, o noso centro volve recibir un premio de 500 €, para seguir adiante co noso Proxecto Deportivo de Centro. Estas foron as creacións gañadoras!

 

luns, 19 de xuño de 2017

Éxito de participación na Olimpiada Escolar de Moaña

Na pasada fin de semana celebrouse a XXXVII Olimpiada Escolar de Moaña e o CEIP Plurilingüe de Tirán non pode sentirse máis orgulloso. Batemos un récord de participación por 4º ano consecutivo, con 85 participantes. Isto supón un aumento do 2% respecto do ano pasado, do 77% respecto do ano 2015 e do 325% respecto do ano 2014, ano no que comezamos a poñer en marcha iniciativas que acabaron confluindo no actual Proxecto Deportivo de Centro.

O fomento do atletismo no marco escolar e a aposta por iniciativas que buscan o incremento da práctica da actividade física entre os nosos escolares tradúcese nunha exitosa participación.

Tivemos un día moi caluroso, pero puidémolo ir soportando grazas a que estivemos á caron da praia. Aquí temos algunhas imaxes da competición na que foron participando os nenos e nenas do noso cole.



Pouco a pouco fomos conseguindo algúns podios, os nosos nenos e nenas entréganse nas súas probas e viven con moito entusiasmo este evento.

 
  

Finalmente conseguimos un 4º posto na clasificación final por colexios e, ademais, un magnífico récord na proba de relevos 4x60 m alevín masculino, que xa quedará para a historia do campionato, ata que alguén volva batelo, claro.

domingo, 18 de xuño de 2017

Análise parcial DAFIS: o IMC modifícase coa Milla da Curuxa

Chegamos ao mes de xuño e tiñamos prevista unha nova valoración DAFIS para ver a incidencia das medidas do noso Proxecto Deportivo de Centro nos distintos parámetros da condición física do noso alumnado. Non se puido levar a cabo a valoración completa porque o caixón co material de avaliación que nos concede a consellería está moi solicitado e están a darlle prioridade aos centros que aínda non fixeron ningunha valoración neste curso.

Ante esta situación, desde a coordinación do proxecto deportivo, decidimos adquirir o mesmo estadiómetro e a mesma báscula utilizada na anterior valoración, para así polo menos facer unha valoración fiable da evolución do IMC do noso alumnado.

O resultado desa análise foi moi positivo, pois puidemos comprobar que desde o mes de novembro, a obesidade reduciuse dun 13% a un 11% e o sobrepeso volveu descender, neste caso dun 46% a un 44%.

No mes de novembro fixemos un estudo dos suxeitos que experimentaron cambios na categorización segundo o seu IMC, é dicir, daqueles que pasaron de obesidade a sobrepeso ou de sobrepeso a peso normal e viceversa. Naquel entón comprobamos que dos 9 suxeitos que experimentaron cambios, 7 fixérano de xeito positivo e tan só 2 de xeito negativo. Pois ben, nesta valoración do mes de xuño houbo un total de 13 suxeitos con cambio na súa categorización segundo o seu IMC, 10 fixérono positivamente e tan só 3 de xeito negativo. Polo tanto, podemos dicir que desde que puxemos en marcha o noso proxecto deportivo coa Milla da Curuxa, 17 suxeitos experimentaron un cambio positivo na categorización do seu IMC e tan só 5 cambiaron de xeito negativo.

Seguiremos traballando no vindeiro curso para adoptar novas medidas que favorezcan que estes datos melloren ou cando menos se manteñan. Quedounos pendente a valoración da proba de Course Navette de resistencia cardiorespiratoria, que ben seguro habría de amosar resultados positivos. Farémolo en setembro, a pesares de que xa non será o mesmo despois do parón da milla no verán. Todo dependerá da continuidade na práctica diaria de actividade física que cada familia levase a cabo no periodo de vacacións.

  

xoves, 15 de xuño de 2017

Reciclando!

Reciclando un par de mesas acabamos de construir unhas porterías para dividir a pista polideportiva e así poder ter actividades simultáneas no tempo de lecer. Tivemos que facer uns buratos na pista para poder meter as patas do esqueleto das mesas.

Decidimos inventar un sistema para que os buratos non se enchan de terra. Con estes tapóns cunha espuma que sella o burato, estarán sempre limpos. Como vedes para cada portería hai unhas formas determinadas de cores. Isto é porque cada tapón está feito a medida para cada burato. Coas cores nunca vai haber dúbida de que tapón lle corresponde a cada burato.

   

Entrega de premios Pasaporte Saudable: noraboa Carla!

Hoxe tivemos o enorme pracer de facerlle entrega do premio do concurso Pasaporte Saudable a Carla Pequeño Juncal de 1º de E. Primaria, polo seu divertidísimo vídeo sobre unha xornada de cross escolar. Como non podía ser menos, fixemos un acto de entrega con todo o alumnado de primaria do centro, para que o seu esforzo sexa recoñecido como se merece e sirva de exemplo para todos e todas e, como non, para recibir un enorme aplauso.

 

mércores, 7 de xuño de 2017

Como transportar correctamente a mochila

Nesta ocasión o alumnado de 6º de E. Primaria, na materia Promoción de Estilos de Vida Saudables, aprendemos a como levar correctamente a mochila na espalda. Descoidamos aspectos fundamentais e deixámonos levar por modas sen sentido que non fan máis que perxudicar a nosa saúde.

Como podemos ver nestas imaxes, a mochila non pode ir tan pendurada nin tampouco pode transportarse torcida, xa que estaremos a ocasionar lesións futuras na nosa espalda.

  

A mochila débese levar ben axustada na espalda, procurando que os dous tirantes estean iguais para que non vaia torcida.