venres, 25 de novembro de 2016

Día internacional contra a violencia de xénero

Como sabedes hoxe celébrase o día internacional contra a violencia de xénero. No CEIP Plurilingüe de Tirán aproveitamos a nosa milla diaria para facer unha conmemoración especial. Convertemos a Milla da Curuxa nunha exposición ao aire libre de todos os traballos que se foron elaborando nos distintos cursos. 

A milla de hoxe foi unha milla solidaria coas mulleres maltratadas. Fomos deixando os nosos traballos pendurados nas distintas árbores e arbustos ao longo do percorrido da milla. Fixemos unha recopilación de noticias, elaboramos lemas e moitas cousas máis.

Quedarán na milla toda a fin de semana e recollerémolas o luns na saída da milla. Deste xeito deixaremos a exposición para que as familias que se queiran achegar poidan ver os nosos traballos e poidan tamén aproveitar a ocasión para coñecer a milla, se é que inda non a coñecen.

 
 
 

xoves, 24 de novembro de 2016

Cambiamos as canastras do ximnasio

Coa fin de mellorar as posibilidades espaciais do noso reducido ximnasio, acabamos de instalar unhas novas canastras nas que o aro vai introducido nunha especie de pletina e resulta moi doado de sacar, en función das necesidades que vaian xurdindo no desenvolvemento das clases de Educación Física.

Desta maneira podemos aproveitar mellor o espazo cando se trata de lanzamentos e recepcións ou cando hai que manexar un móbil con algún implemento, sen que o aro sexa un obstáculo que entorpeza o desenvolvemento das tarefas.

 

mércores, 23 de novembro de 2016

A Milla da Curuxa vai ser noticia en La Sexta!

A repercusión da Milla da Curuxa está a ir máis alá do que nos podiamos imaxinar. Hoxe viñeron periodistas de La Sexta a gravar a nosa particular milla diaria e a interesarse polo noso Proxecto Deportivo de Centro. Para nós é un orgullo atendelos e darnos a coñecer.

Este acontecemento é algo moi positivo para o noso centro, pois é unha noticia que se vai a emitir a nivel estatal, polo que sitúa a Tirán no mapa polas súas boas prácticas educativas relacionadas coa actividade física e a promoción de estilos de vida saudables.

Esperamos que este recoñecemento sirva de exemplo para que outros centros se animen a poñer en marcha prácticas como a nosa, baseadas na iniciativa surxida no Reino Unido, The Daily Mile.

A noticia non poderá ser emitida hoxe pola repercusión mediática que está a ter a morte da que fora alcaldesa de Valencia durante 24 anos, Rita Barberá. Pero infórmannos de que sairá o próximo 6 de decembro.


luns, 14 de novembro de 2016

Análise de resultados das probas DAFIS

Rematadas as probas DAFIS, procedemos á analise dos resultados dos IMC e, ao mesmo tempo, tentar facer algunha comparativa cos resultados do ano pasado.

Na anterior valoración obtivemos que un 13% do noso alumnado presentaba índices de obesidade e un 48% de sobrepeso, o que constituíu un dos principais motivos polo que decidimos poñer en marcha un Proxecto Deportivo de Centro para, principalmente, aumentar a carga de actividade física diaria do noso alumnado.

Nesta valoración obtivemos uns resultados bastante similares, un 13% de obesidade e un 46% de sobrepeso. Apenas se produciu una pequena mellora nos casos de sobrepeso. Estes resultados non son moi diferentes do esperado posto que, a pesar de ter un proxecto deportivo en marcha, acabamos de comezar. Ademais levamos pouco máis de un mes coa Milla da Curuxa que é a principal ferramenta de incremento da carga de actividade física diaria no noso alumnado.

Se comparamos os valores numéricos do IMC do alumnado de 2º de educación primaria a 6º de educación primaria (descartamos 1º de educación primaria e o alumnado novo porque non temos datos do ano anterior) o seu valor incrementouse en 22 suxeitos, mantívose igual en 38 e disminuíu en 20, sen ter en conta que isto supoña un cambio na categorización de obesidade, sobrepeso e peso normal.

Sen embargo, hai algún dato esperanzador. Se temos en conta os cambios na categorización, dos 9 suxeitos que experimentaron cambio, 7 fixérono positivamente, é dicir, pasaron de obesidade a sobrepeso ou de sobrepeso a peso normal. Tan só 2 cambiaron de xeito negativo.

Por outra banda, se analizamos os suxeitos que están ao límite de cambiar de categoría positivamente, é dicir, que se o seu IMC descendese un punto pasarían de obesidade a sobrepeso ou de sobrepeso a peso normal, o ano pasado tiñamos un 5% e este ano temos un 10%.

Na próxima valoración do mes de xuño poderemos ver se as diferentes medidas do proxecto deportivo, especialmente a Milla da Curuxa, ten algún efecto positivo nestes parámetros. En caso de non ser así, tamén temos que ter en conta que a milla produce outros efectos beneficiosos no noso alumnado, e que, nestes parámetros, tamén inflúe considerablemente a alimentación, polo que non sería un fracaso.


De novo na prensa

Esta semana pasada volvéronnos entrevistar os medios de comunicación. Neste caso puxéronse en contacto connosco periodistas do Atlántico Diario. Preguntáronnos pola nosa iniciativa da Milla da Curuxa, como xurdiu a idea e que pretendiamos conseguir. Como non podía ser doutra maneira, explicámoslle con detalle en que consiste o noso Proxecto Deportivo de Centro. Onte saíu a noticia na súa versión dixital.

Unha vez máis o CEIP Plurilingüe de Tirán é noticia polas súas prácticas saudables de fomento da actividade física diaria entre os seus alumnos e alumnas.

 

domingo, 13 de novembro de 2016

Aprendemos a transportar elementos pesados!

Como ben sabedes, en 6º de Educación Primaria temos unha materia nova, Promoción de Estilos de Vida Saudables. Nesta materia aprendemos moitas cousas relacionadas coa saúde, no que se refire á practica de actividade física e á alimentación saudable.

Unha das cousas que aprendemos é a posición correcta do noso corpo á hora de levantar e transportar elementos pesados. Na clase practicamos con bancos e colchonetas, pero na vida diaria imos atopar un feixe de situacións nas que poder aplicar o aprendido.

Trátase de que manteñamos a espalda recta a as pernas flexionadas, de xeito que a forza para levantar o peso practicamente corra a cargo das pernas. Unha vez levantado, trataremos de seguir coa espalda recta. Para descargar o peso deberemos novamente flexionar as pernas. Temos que tratar de evitar en todo momento doblar a espalda, xa que podemos lesionarnos. Aquí vos deixamos unha mostra do que está mal e do que está ben.

 

venres, 11 de novembro de 2016

A milla no Faro de Vigo

Esta semana entrevistáronnos periodistas do Faro de Vigo, interesándose pola nosa inciativa da Milla da Curuxa, para coñecer de cerca que estamos a facer. Para nós é un recoñecemento e unha boa ocasión para darnos a coñecer, para que se saiba o que facemos e para servir de exemplo a outros centros educativos. Hoxe sae a publicación da noticia na versión dixital.

 

xoves, 10 de novembro de 2016

O Magosto na milla

Hoxe celebramos o magosto e, como non ía ser menos, na Milla da Curuxa tamén. Aproveitamos a saída para facer un xogo polo percorrido. Unha especie de busca do tesouro pero con castañas. Cada clase dividiuse en grupos e cada un deles tiña que atopar unha castaña de cada cor. Para iso escondemos varias castañas polo percorrido, marcadas con gomets de cores en lugares visibles e non tan visibles. 

A busca foi moi divertida, a pesares de que algúns grupos non deron atopado todas as cores. Algúns pensan que foi cousa do porco Pepín, que no las comeu.

  

venres, 4 de novembro de 2016

Valoración DAFIS no CEIP Plurilingüe de Tirán

Por segundo ano consecutivo, o CEIP Plurilingüe de Tirán participa no programa DAFIS. Acabamos de terminar coas distintas probas seguindo os protocolos de valoración, estas son:
  • Composición corporal.
  • Prensión manual.
  • Back-Saver Sit and Reach.
  • Salto lonxitude pés xuntos.
  • Suspensión cóbados flexionados.
  • Resistencia cardiovascular (Course Navette).
  • 4 x 10 m.
Xa podemos poñer a disposición das familias a análise dos resultados para aquelas que os queiran coñecer. No mes de xuño volveremos a facer unha nova valoración, para poder ver se a posta en marcha da Milla da Curuxa ten algún efecto sobre a composición corporal do alumnado, tendo en conta o seu IMC (Índice de Masa Corporal).