martes, 30 de xaneiro de 2018

Unha milla solidaria no día da Paz

Este ano volvemos a celebrar o día da Paz cunha milla solidaria en favor da ONG Save The Children. Primeiramente, cada neno ou nena tiña que buscar patrocinadores entre a súa familia. Estes patrocinadores comprometíanse a dar unha cantidade simbólica por cada milla feita polo corredor ou corredora.

O alumnado estivo moi comprometido con esta actividade, incluso houbo quen conseguiu dar máis de 3 voltas. Ademais hoxe todos fixeron a milla correndo, incluso aqueles que normalmente van máis a modo ou andando, pois había unha causa pola que facer un esforzo extra.

 

xoves, 25 de xaneiro de 2018

Cross provincial en Portas

O pasado 23 de xaneiro celebrouse en Portas o Campionato Provincial de Campo a Través, onde participaron todos aqueles e aquelas atletas clasificados nos distintos campionatos zonales. O CEIP Plurilingüe de Tirán tivo unha boa representación, logo da clasificación no Cross de Meira.

Non puidemos levar a todo o alumnado clasificado, pois o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria xa tiña programada unha saída para ese día. En todo caso fomos co alumnado clasificado de 2º, 3º e 4º de E. Primaria.

 

Houbo moita competitividade, pero pasámolo moi ben. Ademais, a nosa alumna Estela Raña conseguiu un terceiro posto na súa categoría. Noraboa!

venres, 19 de xaneiro de 2018

Iniciámonos nos deportes de oposición con agarre

Hoxe tivemos unha xornada de iniciación aos deportes de oposición con agarre. Foi no CEIP Plurilingüe de San Roque de Darbo. É unha xornada que completa un curso de formación nesta disciplina que facemos algúns mestres de Educación Física e que, dalgunha maneira, tamén é un premio para o noso alumnado.

Un monitor da federación de loita impartiu a sesión ao longo da mañá, cunha serie de xogos de achegamento a esta disciplina, onde os nenos e nenas puxeron en práctica unha serie de habilidades técnicas traballadas con anterioridade na materia de Educación Física, habilidades que ben traballadas poden igualar a nenos e nenas de características físicas moi diferentes e con niveles de forza aparentemente desiguais. Se nón botádelle unha ollada ao vídeo!