martes, 31 de xaneiro de 2017

O noso primeiro reto do Pasaporte Saudable

Xa está aberto o reto de decembro-xaneiro do Pasaporte Saudable. Neste caso hai elaborar un boneco con alimentos saudables. O premio será este kit de cociña, un libro máis un mandil.



A participación do noso alumnado foi moi boa. Amosaron unha gran creatividade á hora de facer as súas creacións. O resultado foi asombroso, mirade!

luns, 30 de xaneiro de 2017

30 de xaneiro, unha milla solidaria

Hoxe, 30 de xaneiro, celebramos o día da paz. Este ano fixemos un acto especial, unha milla solidaria, en favor da ONG Save The Children. Para participar, cada alumno e alumna, tivo que buscar patrocinadores entre a súa familia. Cada patrocinador comprometeuse a doar unha cantidade simbólica por cada milla feita polo corredor ou corredora.

O noso alumnado foi moi comprometido e houbo quen conseguiu dar 3 voltas. Aqueles nenos e nenas que adoitar ir máis a modo ou andando, hoxe correron coma o que máis, amosando así a súa solidaridade. E iso que o tempo non acompañou nada e os camiños da milla estaban encharcados. Finalmente conseguimos recaudar 793 €.

 

luns, 23 de xaneiro de 2017

Xa temos paso de peóns!

Por fin xa temos un paso de peóns para mellorar a nosa seguridade vial na entrada do centro. Xa levabamos algún tempo reclamándoo, pero agora, grazas á Milla da Curuxa, puidemos facer un pouco máis de forza e conseguímolo.

A partir de agora haberá maior seguridade nas horas de entrada e saída do centro. Estamos convencidos de que as familias van tomar maior conciencia de non aparcar onde o facían antes, cando non tiñamos o paso. 

E o máis importante, podemos facer a nosa saída á milla diaria máis seguros. En calquera caso, sabemos que ese paso de peóns non nos converte en intocables, pois hai moitas circunstancias que poden facer que un vehículo veña despistado. Asegurarémonos de que non veña ninguén antes de cruzar e, en caso de que veña, asegurarémonos de que nos ve e esperaremos a que pare.

 
 

Iniciamos o reparto de froita na escola

Hoxe iniciamos a primeira semana de reparto de froita na escola deste curso académico. Queremos achegar máis ao noso alumnado aos productos do noso medio rural e potenciar neles o consumo de froita fresca, fomentando os hábitos de consumo saudables.

Durante toda esta semana iremos repartindo unha froita cada día, polo que tamén lles pedimos ás familias que teñan isto en conta á hora de prepararlles as merendas aos seus fillos e fillas, para que non lles resulte demasiada cantidade ou, no caso de que a froita dese día non lles guste, non lles quede escasa. De calquera xeito, o fomento do consumo de froita débese fomentar tamén desde a casa. Temos que animar ao nenos e nenas a probar froitas distintas e de xeitos distintos, porque moitas veces dan por suposto que non lles gusta e logo non é así.


venres, 20 de xaneiro de 2017

Por fin este ano teremos XOGADE intercentros.

Despois de dous anos intentándoo, este ano por fin teremos competición intercentros a través do programa Actividade Deportiva Escolar, que forma parte de XOGADE.

Lanzamos a nosa proposta a todos os colexios de Moaña, pero non conseguimos que ningún deles se sumara á nosa iniciativa. É posible que a proposta chegase algo tarde, porque algúns non atoparon oco na súa programación de actividades e proxectos, outros aludiron á complexidade de levalo a cabo no seu centro polo gran número de alumnado e dunha pequena minoría nunca soubemos nada.

Non nos quixemos rendir e fomos a polos centros de Cangas. E aquí si tivemos sorte, porque a proposta foi acollida por dous centros educativos: o CEIP de Plurilingüe de San Roque de Darbo e o CEIP do Hío. Conseguimos chegar a un acordo e establecer un calendario de competición, para o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria, coas seguintes datas:
  • 22 de marzo
  • 5 de abril
  • 3 de maio
O modelo de xornada terá un caracter competitivo-participativo, é dicir, haberá competición pero non haberá unha clasificación para ningunha fase competitiva. O importante será a convivencia, pero tamén aprendendo a competir desde a escola, cuns valores algo afastados da competición entre clubs deportivos. Tamén pretende acercar á competición a aquel alumnado que non o fai fóra da escola e que poida que sexa o seu único contacto coa mesma. A xornada contará coas seguintes modalidades:
  • Baloncesto
  • Balonmán
  • Xadrez
  • Fútbol sala
  • Brilé
Darán comezo ás 10.00 h da mañá e rematarán ás 13.30 h. Nas distintas xornadas, o centro que compite na casa organiza o horario de competición e modalidades en función do seu horario lectivo e do tempo de lecer. En cada modalidade, dependendo do número de alumnado participante, os mestres pactarán os períodos de xogo, a súa duración e o número de participantes por equipo. O brilé será unha modalidade non competitiva, na que os equipos se farán misturando ao alumnado de ambos centros.

E por suposto, cando nos toque recibilos convidarémolos a facer A milla da Curuxa.

xoves, 19 de xaneiro de 2017

Colaboración co servizo de pediatría de Moaña

Coa fin de velar pola saúde do noso alumnado, o CEIP Plurilingüe de Tirán acaba de establecer un acordo de colaboración coas pediatras Carla e Elena de Moaña.

Previa autorización das familias, cedémoslle os resultados das probas de valoración de DAFIS. Deste xeito, teñen a súa disposición datos dos que poden tomar man para facer algún tipo de recomendación aos proxenitores do noso alumnado, referidos a melloras na alimentación ou ao incremento da carga diaria de actividade física.

É unha maneira de que o labor do mestre de Educación Física se complemente co do servizo de pediatría e que as recomendacións dunha das partes se vexa reforzada pola outra e, deste xeito, teña maior incidencia no seo familiar.

Por outra banda, as familias que o autorizaron, cando realicen as súas visitas rutinarias ao servizo de pediatría, tamén poden pedir, por iniciativa propia, que a pediatra lles comente eses resultados. 


luns, 16 de xaneiro de 2017

O temporal golpea á nosa milla

O temporal que sufriu Galicia estes días non deu tregua en Tirán e o percorrido da Milla da Curuxa quedou visiblemente afectado. Hoxe atopamos unha chea de atrancos que nos impediron facer o percorrido con normalidade. Un montón de pólas e follas de eucalipto deixaron un manto sobre o camiño. Moitas pedras desprendéronse dos muros, algunha incluso de tamaño considerable.

Tivemos que ir con moito coidado e tratamos de apartar algúns dos obstáculos. Estes próximos días temos que ir cos cinco sentidos en alerta para evitar sufrir algún percance. Trataremos de avisar ao concello para que nolo veña limpar, outra cousa é que nos escoiten. Se non atenden á nosa petición teremos que ir pouco a pouco retirando máis obstáculos e esperar a que o paso do tempo vaia desfacendo todo. Ben seguro que o noso paso diario tamén vai axudar.

      

Un ximnasio moi audiovisual!

Coa chegada da Milla da Curuxa, tivemos que acondicionar o ximnasio para eses días de chuvia nos que practicamos a coreografía de Móvete+. Comezamos por instalar un equipo de son cun altofalante en cada esquina máis un proxector no teito. Dado que o taboleiro da canastra non se axustaba ás necesidades de proxección instalamos unha pantalla enrollable, que pendura do teito. Finalmente instalamos cortinas para conseguir un ambiente máis tenue e así poder visualizar mellor as imáxes da pantalla.

Agora xa podemos practicar o himno do Plan Galicia Saudable nos días de chuvia. Por outra banda, agora temos un ximnasio reconvertido nunha sala audiovisual para calquera acto ou conmemoración do centro que así o requira.

   

domingo, 15 de xaneiro de 2017

Temos canastras novas!

O noso alumnado xa ten novas canastras para practicar baloncesto nos recreos. Deste xeito, convertemos o pequeno patio cuberto que temos diante dos aseos nunha zona para practicar o tiro a canastra. Xa temos unha nova zona habilitada para que, o noso alumnado, aumente as súas posibilidades de práctica de actividade física nos momentos de lecer.



No interior do ximnasio tamén fixemos un cambio. Agora, el lugar de ter canastras fixas, temos canastras de quitar e poñer, segundo as necesidades da Educación Física. Desta maneira, deixarán de ser un estorbo para outras prácticas distintas ao baloncesto e, no caso de necesitalas de novo, non hai máis que encaixalas na base novamente.

 

martes, 10 de xaneiro de 2017

Hoxe entregamos as pulseiras de "Las Escuelas de la Milla"

Se lembrades, estamos a participar no programa escolar de "Las Escuelas de la Milla". O regalo de participación para mestres e nenos e nenas son as pulseiras das escolas da milla. Xa as recibimos antes do Nadal, pero prometémoslle ao noso alumnado que, á volta das vacacións, ían recibir un regalo especial relacionado coa milla. Pois ben, hoxe fixemos a entrega das pulseiras. Fíxolles moitísima ilusión!

 

luns, 9 de xaneiro de 2017

Que facemos no tempo da milla cando chove?

Non sempre podemos saír ao Monte dos Remedios a facer a nosa milla diaria, porque algunha vez chove. Por sorte para nós, este curso académico está a chover moi pouco, e podemos saír case sempre. Pero eses poucos días que chove, non quedamos parados, seguimos practicando actividade física. O que facemos é practicar a coreografía que forma parte do programa Móvete+.

Como lamentablemente temos un ximnasio tan pequeno, non podemos estar todos á vez. Os cursos de 6º, 5º e 4º quedan nas súas aulas ensaiando a coreografía e os máis pequenos facémolo no ximnasio, que agora está equipado con canón e pantalla.

Apenas dura quince minutos, pero algúns acabamos moito máis cansados que facendo a milla. Os movementos son sinxelos, pero como ten unha música tan pegadiza, non paramos!