martes, 28 de novembro de 2017

Hoxe acercamos o bádminton á escola!

Hoxe o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria viviu unha xornada de achegamento ao bádminton, gracias á participación do CEIP Plurilingüe de Tirán nun programa da Federación Española de Bádminton, Bádminton+.

Bádminton+ é o novo programa de deporte escolar da Federación Española de Bádminton que está dirixido aos colexios de educación primaria. É un programa que conta coa acreditación do Consello Superior de Deportes a través do Evento de excepcional interés público Plan 2020 de Apoio ao Deporte Base. Basease na aplicación que a Federación Española de Bádminton fai da súa visión do Plan Estratéxico "chegar a ser un dos deportes máis populares e practicados en España, Converténdonos nunha potencia mundial do noso deporte".

A filosofía de Bádminton+ confórmase en torno a catro eixos que dan total sentido ao programa:
  • Educación
  • Saúde
  • Accesibilidade
  • Garantía de calidade

Deste xeito o noso alumnado, grazas aos técnicos de XOGADE, tivo unha toma de contacto co bádminton baseada en pequenos xogos de achegamento a este deporte. Non dispoñemos das mellores instalacións para a práctica do mesmo, nin o tempo acompañou porque facía vento, pero todos e todas tiveron unha agradable sesión e saíron moi contentos.

Os técnicos agradeceron o noso interese e convidáronnos a participar nunha futura xornada que están a organizar con outros centros escolares.

 

Os nenos e nenas de Tirán contra a violencia de xénero

Hoxe celebramos o día internacional contra a violencia de xénero. Nós, entre outras cousas quixemos facer un milla especial contra este tipo de violencia. Pintamos a nosa man nun dorsal e todo o alumnado correu baixo o mesmo símbolo. Unha nova mostra de que A Milla da Curuxa é un escenario perfecto para visibilizar e traballar algunhas actividades complementarias e, como non, facendo exercicio.

Acompañáronnos os nenos e nenas de Educación Infantil, os máis pequeniños fixeron unha pequena parte simbólica do camiño, outros chegaron ata o punto de encontro e os máis valentes atrevéronse coa milla completa.

Á volta da milla debuxamos un gran lazo humano no medio da pista polideportiva. Non queremos máis violencia de xénero!

 

martes, 21 de novembro de 2017

Acordos para as xornadas intercentros de XOGADE

Un ano máis, desde o CEIP Plurilingüe de Tirán, apostamos pola organización de xornadas intercentros a través da modalidade Actividade deportiva escolar do programa XOGADE. O ano pasado conseguimos levalo adiante cos centros CEIP Plurilingüe de San Roque de Darbo e CEIP do Hío.

Este ano conseguimos involucrar a máis centros, cun formato máis aberto que se puidera adaptar ás necesidades de cada un. Deste xeito haberá centros aos que só lles interesa participar nunha xornada, en dúas ou nas tres previstas.

Logo de reunir ao profesorado de Educación Física dos centros interesados, conseguimos facer un calendario de participación, con tres xornadas, de modo que cada centro poida participar tal e como tiña previsto, en función do número de xornadas e tamén de si lle interesa desprazarse ou recibir a outro centro.

Polo tanto haberá tres xornadas:
  • 1ª xornada: 15 ou 16 de febreiro
  • 2ª xornada: 21 ou 22 de marzo
  • 3º xornada 25 de maio

Os centros participantes, este ano, serán os seguintes:

venres, 10 de novembro de 2017

Un magosto cheo de actividade física

Hoxe celebramos o magosto en Tirán. Organizamos un montón de xogos no patio, nos que distribuimos ao noso alumnado en grupos, de xeito que, en cada un, había representación de todos os cursos.

Todos os xogos tiñan dúas compoñentes fundamentais: as castañas, por suposto, e a actividade física, poñendo así de manifesto o noso compromiso co Proxecto Deportivo de Centro. Tratamos de relacionar as actividades complementarias do centro coa actividade física, neste caso, e coa alimentación saudable.

Aquí podedes ver algunhas das estacións polas que pasaron os nenos e nenas: facer puntería tirando unha castaña, facer equilibrios sobre os troncos cunha castaña na cabeza, o tres en raia con castañas, a mariola, levar unha castaña nunha culler collida coa boca, etc.

  

luns, 6 de novembro de 2017

A Milla da Curuxa na TVG!

Hoxe viñeron a gravarnos na nosa milla diaria os da TVG. Estan a gravar unha serie de reportaxes que pouco a pouco irán emitindo nun programa que, precisamente, se estrea hoxe, Galicia Viva.

O noso alumnado estivo entusiasmado con toda a gravación. Como necesitaban máis tomas, cando rematamos a milla, un grupo de elixidos foron de novo a facer pequenos tramos para que as tomas quedaran ao seu gusto, sobre todo porque hoxe o sol estaba un pouco caprichoso e había que seleccionar moi ben desde onde facer a toma de imaxes.

Ainda non sabemos cando van emitir a nosa reportaxe, pero manterannos informados.