mércores, 25 de abril de 2018

Piscina nas clases de Educación Física

Grazas a o convenio de colaboración, entre o concello de Moaña e a Piscina Municipal, podemos gozar dun día á semana de actividade de piscina durante este mes de abril, co alumnado de 6º de Educación Primaria. Nestas sesións aproveitamos para poñer en práctica algúns contidos de natación, principalmente a través de actividades lúdicas e de iniciación a os diferentes estilos de natación.

 

Como se pode ver o noso alumnado realiza diferentes exercicios, agrupados por rúas, segundo o seu nivel de adaptación ao medio acuático.



Na parte final o alumnado sempre ten uns minutos para facer algún xogo, sempre respectando os límites de seguridade que nos impoñen os monitores e sen molestar ao resto de usuarios da piscina.









luns, 23 de abril de 2018

O día do libro na Milla da Curuxa!

Un ano máis celebramos o día do libro convertendo a nosa Milla da Curuxa nunha milla lectora. Agrupamos ao noso alumnado en parellas ou grupos de tres, de xeito que o maior do grupo escollía un libro e debía lerllo ao resto durante a milla, no lugar que xuntos considerasen máis apetecible.

Desta maneira o percorrido da milla encheuse de alumnado entusiasmado co que lle estaban a contar os seus compañeiros e compañeiras. O día estivo fabuloso, cunha climatoloxía estupenda, que mellor para gozar coa lectura dun libro en plena natureza.

As caras dos máis pequenos e pequenas expresaban o seu interese, sentados na beira do camiño, ou incluso máis alá, buscando unha sombra ou un lugar máis cómodo.

  

venres, 20 de abril de 2018

De novo gañadores de "Las Escuelas de la Milla"

Un ano máis, no mes de outubro, pasamos a formar parte de "Las Escuelas de la Milla". Un programa que aborda o problema da obesidade infantil dunha forma divertida, sinxela e eficaz.

Para desenvolver o programa, igual ca o ano pasado, propoñen un reto mensual:
  • Outubro: correr unha milla un día de cada semana do mes.
  • Novembro: correr unha milla dous días cada semana do mes.
  • Decembro: correr unha milla tres días cada semana do mes.
  • Xaneiro: correr unha milla catro días cada semana do mes.
  • Febreiro: correr unha milla cinco días cada semana do mes.

Foi doado cumprir co reto porque nós partimos con vantaxe, xa que facemos a milla diariamente, é dicir, xa estabamos cumprindo en outubro o reto do mes de febreiro.

O que non resultou tan doado foi demostralo, xa que tivemos que estar diariamente sacando fotos de cada saída e logo subíndoas á páxina web do programa. Subimos moitas máis ca o ano pasado e deixamos constancia de máis retos, aínda así resultamos ser os segundos gañadores. Fomos elixidos por un xurado coma un dos centros máis colaborativos e coas fotografías e frases máis orixinais. Para o ano que vén teremos que ser aínda moito máis constantes na subida dos retos, posto que a competencia comeza a ser intensa.

Agora esperamos impacientes a entrega da nosa segunda placa conmemorativa que recoñeza o noso compromiso co fomento dun estilo de vida saudable.

luns, 16 de abril de 2018

Novo reto do "Pasaporte Saludable"

Neste novo reto debedes escoller unha paisaxe, un animal ou un personaxe que che guste e formalo a partires de alimentos saudables. Lembrade que se valora moito a creatividade e orixinalidade. Quen se anima?

martes, 10 de abril de 2018

As nosas pirámides para o concurso "Pasaporte Saludable"

Rematado o prazo para o 2º reto do concurso, estas son as creacións do noso alumnado. Como vedes hai moita creatividade. Que importante é ter un grupo de amigos e amigas para que nos axuden, xa sexa no colexio, nas actividades extraescolares ou, por que non, no propio equipo de fútbol.

Velaquí o resultado. A ver se hai sorte!


luns, 2 de abril de 2018

Tirán gaña o 1º reto do "Pasaporte Saludable"

Estamos de noraboa. A nosa alumna Carla Pequeño Juncal resultou gañadora do 1º reto do concurso Pasaporte Saludable! Co seu poema "5 froitas ao día" conseguiu a primeira posición. Acaba de gañar un libro, un mandil e o fantástico obradoiro de cociña no Basque Culinary Center de San Sebastián. É un orgullo para o noso centro, que ademais gaña 500 € que investiremos en seguir medrando no noso Proxecto Deportivo de Centro.

A súa creación é fabulosa, resulta moi divertida e está moi ben presentada. Noraboa Carla!