xoves, 30 de marzo de 2017

Gañadores do premio "Las Escuelas de la Milla"

No mes de outubro pasamos a formar parte de "Las Escuelas de La Milla". Un programa que aborda o problema da obesidade infantil dunha forma divertida, sinxela e eficaz.

Para desenvolver o programa propoñen un sinxelo reto mensual:
  • Outubro: correr 1 milla un día de cada semana do mes.
  • Novembro: correr 1 milla dous días cada semana do mes.
  • Decembro: correr 1 milla tres días cada semana do mes.
  • Xaneiro: correr 1 milla catro días cada semana do mes.
  • Febreiro: correr 1 milla cinco días cada semana do mes.

Foi doado cumprir co reto porque nós partimos con vantaxe, xa que facemos a milla diariamente, é dicir, xa estabamos a cumprir en outubro o reto do mes de febreiro.

O que non resultou doado foi demostralo, xa que tivemos que estar diariamente sacando fotos de cada saída e logo subíndoas á páxina web do programa. Pero o traballo tivo a súa recompensa e somos os gañadores. Fomos elixidos por un xurado como o centro máis colaborativo e coas fotografías e frases máis orixinais.

Agora esperamos impacientes a entrega da placa conmemorativa que recoñeza o noso compromiso co fomento dun estilo de vida saudable.


domingo, 26 de marzo de 2017

Un bocata especial!

No noso centro estiveron toda a semana a dicirnos que nos ían dar un bocata especial, que ademais tiñámolo que facer nós pero que non se comía. Como podía ser iso?

Por fin hoxe chegou a solución a tan esperada sorpresa. Un folio impreso polas dúas caras con receitas moi sabrosas de bocatas con conservas e outros produtos galegos, uns para facer en frío e outros mellor en quente.

Puxémonos más á obra, recortamos, dobramos e xa temos o noso bocata. Agora levarémolo para casa, para telo sempre á man e así poder facer uns bocatas cheos de enerxía cando nos apeteza. Podédelo descargar!

   

venres, 24 de marzo de 2017

Entrega de premios do Pasaporte Saudable: noraboa Uxía

Hoxe fixemos entrega do premio Pasaporte Saudable á gañadora Uxía Sa Piñeiro, de 4º de E. Primaria. Fixemos un acto no ximnasio para que fose galardonada como se merece, diante de todo o alumnado de primaria. Foi unha entrega especial porque fíxolla a súa irmá Antía.

Quedou moi ilusionada de recibir o premio porque non o esperaba. Estaba algo nerviosa cando abriu o paquete. Finalmente démoslle un gran aplauso e esperamos que aos demais lles sirva de motivación para próximos retos deste concurso.

 

mércores, 22 de marzo de 2017

Nova semana de reparto de froita

Durante esta semana volvemos a facer reparto de reparto de froita no recreo para a merenda do noso alumnado, para seguir co noso obxectivo de acercalos máis á froita e seguir fomentando hábitos de vida saudables. Como podedes ver, repartimos plátanos e amorodos, entre outras froitas.

 

1ª xornada de XOGADE: imos a Darbo!

Por fin puxemos en marcha o deporte escolar a través de XOGADE na modalidade Actividade Deportiva Escolar. 

A xornada non comezou moi ben porque houbo un mal entendido na empresa de transporte e a piques estivemos de suspendela. O caso é que no CEIP San Roque Darbo xa nos estaban a esperar e decidiron que os autobuses se puxeran en marcha e cando chegasen comezabamos, e así foi.

Chegamos con retraso pero puidemos disputar as distintas modalidades segundo o previsto. O alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP de San Roque Darbo estaba dividido en dous equipos, un para competir con nós e outro para competir co CEIP do Hío, que tamén estaba alí.

Disputáronse encontros nas modalidades de baloncesto, balonmán, fútbol sala e xadrez. O baloncesto déusenos moi ben, en cambio as outras disciplinas déronselles mellor aos nenos e nenas do CEIP San Roque Darbo.

Para rematar a xornada xogamos unhas cantas partidas ao brilé, todos mesturados.

Gustounos moito a experiencia e estamos encantados de poder recibilos moi pronto no noso centro.

  

xoves, 16 de marzo de 2017

Obradoiro "Ponlle as pilas ao teu bocata"

Hoxe acompañáronnos as monitoras do programa Ponlle as pilas ao teu bocata. Ensináronnos moitas cousas sobre as conservas de produtos do mar e fixeron moitos xogos adaptados a cada idade.

Déronnos a coñecer moitas receitas para porlle as pilas ás nosas merendas engadíndolles conservas acompañadas de produtos vexetais como a leituga, a cenoria ou o millo. E, como non podía ser menos, elaboráronnos un bocata de conservas ao gusto de cada un.

Quedamos todos e todas encantados, incluso os nosos mestres e mestras, que tampouco se puideron resistir a un bocata cheo de conservas.

  

xoves, 9 de marzo de 2017

Confirmada a primeira actividade lúdica

Xa temos confirmada a participación na actividade lúdica de esgrima na escola, será o 22 de maio para os cursos de 4º, 5º e 6º de E. Primaria. Será unha actividade na que técnicos da federación galega de esgrima presentarán este deporte na escola a través dunha práctica eminentemente lúdica, na que os nosos alumnos e alumnas poderán coñecer aspectos técnicos básicos, así coma algunhas pinceladas da historia desta disciplina.


mércores, 1 de marzo de 2017

Novo reto do Pasaporte Saudable

O novo reto do concurso do Pasaporte Saudable será a cración dun vídeo onde cada neno ou nena apareza practicando o seu deporte ou actividade física preferida e explicando por que lle gusta tanto. O premio neste caso será unha licuadora, unha tostadora, un libro e un mandil. Estamos seguros de que o noso alumnado vai facer grabacións moi divertidas, que ao final é do que se trata, gañar ou non é algo engadido, non é o obxectivo da nosa promoción de hábitos de vida saudables.