xoves, 14 de decembro de 2017

Unha "presentación" moi saudable

Na aula de 3º de E. Primaria estiveron traballando técnicas de expresión oral. Os nenos e nenas tiñan que elixir un tema para presentarlles aos seus compañeiros e compañeiras. Podían apoiarse nunha presentación de diapositivas, nunha actividade práctica tipo obradoiro, en materias ou obxectos para manipular, etc.

Pois ben, Yaiza sorprendeunos a todos escollendo como tema a alimentación saudable, neste caso a elaboración de bocatas con verduras e conservas do mar, o que pón de manifesto que o noso alumnado xa comeza a tomar conciencia dos hábitos saudables que estamos a promover co noso Proxecto Deportivo de Centro.

Mirade que boa pinta teñen estes ingredientes!

 

venres, 1 de decembro de 2017

Cross zonal de Meira

Este ano celebrouse o I Cross zonal escolar en horario lectivo, para os centros escolares do morrazo, dentro do programa XOGADE. Foi en Meira, alí reunímonos varios colexios de Moaña e de Cangas.

O día ameazaba chuvia, de feito caeron unhas gotas, pero ao final puidéronse celebrar todas as carreiras sen chuvia.

O noso centro levou unha gran representación, pois levamos a todos os que podían competir, desde 2º ata 6º de E. Primaria. Podedes ver aos diferentes cursos cheos de ilusión nas seguintes imaxes.

  

E conseguimos algunhas medallas, sobre todo nas categorías femininas. Estes son os nosos galardoados e galardoadas!

martes, 28 de novembro de 2017

Hoxe acercamos o bádminton á escola!

Hoxe o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria viviu unha xornada de achegamento ao bádminton, gracias á participación do CEIP Plurilingüe de Tirán nun programa da Federación Española de Bádminton, Bádminton+.

Bádminton+ é o novo programa de deporte escolar da Federación Española de Bádminton que está dirixido aos colexios de educación primaria. É un programa que conta coa acreditación do Consello Superior de Deportes a través do Evento de excepcional interés público Plan 2020 de Apoio ao Deporte Base. Basease na aplicación que a Federación Española de Bádminton fai da súa visión do Plan Estratéxico "chegar a ser un dos deportes máis populares e practicados en España, Converténdonos nunha potencia mundial do noso deporte".

A filosofía de Bádminton+ confórmase en torno a catro eixos que dan total sentido ao programa:
  • Educación
  • Saúde
  • Accesibilidade
  • Garantía de calidade

Deste xeito o noso alumnado, grazas aos técnicos de XOGADE, tivo unha toma de contacto co bádminton baseada en pequenos xogos de achegamento a este deporte. Non dispoñemos das mellores instalacións para a práctica do mesmo, nin o tempo acompañou porque facía vento, pero todos e todas tiveron unha agradable sesión e saíron moi contentos.

Os técnicos agradeceron o noso interese e convidáronnos a participar nunha futura xornada que están a organizar con outros centros escolares.

 

Os nenos e nenas de Tirán contra a violencia de xénero

Hoxe celebramos o día internacional contra a violencia de xénero. Nós, entre outras cousas quixemos facer un milla especial contra este tipo de violencia. Pintamos a nosa man nun dorsal e todo o alumnado correu baixo o mesmo símbolo. Unha nova mostra de que A Milla da Curuxa é un escenario perfecto para visibilizar e traballar algunhas actividades complementarias e, como non, facendo exercicio.

Acompañáronnos os nenos e nenas de Educación Infantil, os máis pequeniños fixeron unha pequena parte simbólica do camiño, outros chegaron ata o punto de encontro e os máis valentes atrevéronse coa milla completa.

Á volta da milla debuxamos un gran lazo humano no medio da pista polideportiva. Non queremos máis violencia de xénero!

 

martes, 21 de novembro de 2017

Acordos para as xornadas intercentros de XOGADE

Un ano máis, desde o CEIP Plurilingüe de Tirán, apostamos pola organización de xornadas intercentros a través da modalidade Actividade deportiva escolar do programa XOGADE. O ano pasado conseguimos levalo adiante cos centros CEIP Plurilingüe de San Roque de Darbo e CEIP do Hío.

Este ano conseguimos involucrar a máis centros, cun formato máis aberto que se puidera adaptar ás necesidades de cada un. Deste xeito haberá centros aos que só lles interesa participar nunha xornada, en dúas ou nas tres previstas.

Logo de reunir ao profesorado de Educación Física dos centros interesados, conseguimos facer un calendario de participación, con tres xornadas, de modo que cada centro poida participar tal e como tiña previsto, en función do número de xornadas e tamén de si lle interesa desprazarse ou recibir a outro centro.

Polo tanto haberá tres xornadas:
  • 1ª xornada: 15 ou 16 de febreiro
  • 2ª xornada: 21 ou 22 de marzo
  • 3º xornada 25 de maio

Os centros participantes, este ano, serán os seguintes:

venres, 10 de novembro de 2017

Un magosto cheo de actividade física

Hoxe celebramos o magosto en Tirán. Organizamos un montón de xogos no patio, nos que distribuimos ao noso alumnado en grupos, de xeito que, en cada un, había representación de todos os cursos.

Todos os xogos tiñan dúas compoñentes fundamentais: as castañas, por suposto, e a actividade física, poñendo así de manifesto o noso compromiso co Proxecto Deportivo de Centro. Tratamos de relacionar as actividades complementarias do centro coa actividade física, neste caso, e coa alimentación saudable.

Aquí podedes ver algunhas das estacións polas que pasaron os nenos e nenas: facer puntería tirando unha castaña, facer equilibrios sobre os troncos cunha castaña na cabeza, o tres en raia con castañas, a mariola, levar unha castaña nunha culler collida coa boca, etc.

  

luns, 6 de novembro de 2017

A Milla da Curuxa na TVG!

Hoxe viñeron a gravarnos na nosa milla diaria os da TVG. Estan a gravar unha serie de reportaxes que pouco a pouco irán emitindo nun programa que, precisamente, se estrea hoxe, Galicia Viva.

O noso alumnado estivo entusiasmado con toda a gravación. Como necesitaban máis tomas, cando rematamos a milla, un grupo de elixidos foron de novo a facer pequenos tramos para que as tomas quedaran ao seu gusto, sobre todo porque hoxe o sol estaba un pouco caprichoso e había que seleccionar moi ben desde onde facer a toma de imaxes.

Ainda non sabemos cando van emitir a nosa reportaxe, pero manterannos informados.

 

martes, 31 de outubro de 2017

Unha milla terrorífica!

Hoxe martes celebramos o Samaín e, como non podía ser menos, fixémolo por todo o alto. Pensamos en converter a nosa milla nunha milla terrorífica! Pedimos axuda ás familias, que de seguido se presentaron voluntarios e voluntarias para exercer de actores e actrices.

Diseñamos o percorrido distribuindo diferentes personaxes ao longo do mesmo, buscando lugares estratéxicos e tratamos de crear un ambiente espantoso!

A verdade é que foi todo un éxito, e que mellor maneira de celebrar o Samaín facendo exercicio. Coma noutras ocasións, cando o tempo nolo permite, o camiño da Milla da Curuxa convértese nun escenario perfecto para levar a cabo diferentes actividades e celebracións.

No seguinte vídeo podedes ver cal era o percorrido que lles esperaba ao noso alumnado. Visto así a verdade é que mete medo!


Pois mirade o que realmente sucedeu. Os máis pequeniños fixeron só unha pequena parte do percorrido, para que non o pasasen mal. Os de primaria xa se adentraron de cheo no camiño. A verdade é que houbo de todo, algúns deron volta, outros facíanse os valentes pero de vez en cando a súa cara dicía outra cousa, outros non aguantaban a risa, incluso houbo que se meteu no papel de asustado para contaxiar. Non volo perdades!


luns, 30 de outubro de 2017

O diario eldiario.es fala da nosa milla diaria

Na edición dixital de eldiario.es de onte falan sobre a nosa iniciativa de saír cada día cos nosos escolares a facer A Milla da Curuxa. Sacaron unha noticia referida a varias iniciativas de colexios relacionadas con hábitos saudables.

Abordan o problema da obesidade infantil falando da necesaria concienciación dos comedores escolares, a importancia do exercicio físico e como se fai cada vez máis necesario incidir no ámbito familiar.



luns, 2 de outubro de 2017

De novo no programa "Las Escuelas de la Milla"

Este ano volvemos a formar parte do programa escolar "Las Escuelas de la Milla", que está baseado na mesma idea na que nos baseamos nós, na iniciativa que surxiu no reino unido coñecida como The Daily Mile.

É un programa que tamén pretende abordar o problema da obesidade infantil, dunha forma divertida. Propoñen un reto mensual durante o periodo comprendido entre o 2 de outubro ata o 21 de marzo, que consiste no seguinte:
  • Outubro: correr 1 milla un día de cada semana do mes.
  • Novembro: correr 1 milla dous días cada semana do mes.
  • Decembro: correr 1 milla tres días cada semana do mes.
  • Xaneiro: correr 1 milla catro días cada semana do mes.
  • Febreiro: correr 1 milla cinco días cada semana do mes.
  • Marzo: correr máis de unha milla cada semana ou correr seis millas cada semana (fin de semana en familia)
Un ano máis, ainda que nós xa estamos a cumprir co reto do mes de marzo, participaremos porque é unha maneira de impulsar o seu proxecto e tamén de dar a coñecer o noso.

Esperamos recibir novamente un regalo de participación, as pulseiras das escolas da milla, para identificarse coma participantes no reto e convertirse en firmes defensores da actividade física.

E haberá un premio especial. De entre todos os centros educativos que participen no programa, un xurado seleccionará aos 3 máis colaborativos e coas fotografías e frases mensuais máis orixinais, para facerlles entrega dunha placa conmemorativa que recoñeza o compromiso dun estilo de vida saudable.

Se lembrades, na primeira edición resultamos gañadores e concedéronnos a placa, a ver que pasa este ano...

sábado, 30 de setembro de 2017

Dando a coñecer o noso Proxecto Deportivo de Centro

O noso Proxecto Deportivo de Centro comeza a facerse eco na comunidade educativa. O CEIP Plurilingüe de Tirán foi convidado a dar a coñecer o seu proxecto nunha xornada celebrada no IES San Tomé de Freixeiro (Vigo).

Baixo o título "Compartindo boas prácticas. Encontros de intercambio de experiencias educativas" demos a coñecer, xunto con outros moitos relatores e relatoras as nosa experiencia coa milla diaria e con todos os demais elementos que conforman o noso Proxecto Deportivo de Centro.


A xornada desenvolveuse nun formato de presentación de paneles informativos, onde os asistentes acercábanse a cada panel para interesarse pola experiencia educativa. Este foi o noso panel.

venres, 22 de setembro de 2017

Un novo elemento lúdico no patio

O noso Proxecto Deportivo de Centro segue a apostar por ofrecer novas alternativas lúdicas nos tempos de lecer. Neste caso trátase de troncos de eucalipto que colocou o Concello de Moaña, doados pola comunidade de montes.

Agora o noso alumnado ten un novo elemento no que entreterse nos tempos de lecer, facendo exercicio físico mediante xogos de equilibrio; unha alternativa estupenda tamén para as nosas clases de Educación Física. 


luns, 18 de setembro de 2017

Comezamos un ano máis coa Milla da Curuxa

Acaba de comezar un novo curso escolar e o noso centro segue adiante coa Milla da Curuxa. Todos tiñamos ganas de milla, alumnado e profesorado.

Ainda é cedo para tirar conclusións dos logros da milla, pero ao marxe dos beneficios físicos todo o profesorado coincide no mesmo. Á volta da milla é máis doado dar a clase, o alumnado está máis perceptivo e os mestres máis dispostos a transmitir. Tanto é así, que cando non podemos saír por causa da metereoloxía, algúns grupos saen uns minutos ao patio aproveitando algunha tregua da chuvia.

Xa forma parte da nosa identidade, a Milla da Curuxa é un dos pilares básicos do noso Proxecto Deportivo de Centro e así queremos que siga sendo.

Pois alá imos, decididos a acumular millas e a gozar nesta marabillosa natureza que temos ao noso redor.

 

Entrega do premio ao 3º posto no último reto do Pasaporte Saudable

O premio fíxose esperar pero, agora que acaba de comezar o novo curso, facémoslle entrega do seu premio a Diego Corral, que quedou no terceiro lugar no último reto do concurso Pasaporte Saudable

O bo da espera é que puidemos facerlle a entrega arroupado polos seus compañeiros. Estaba impaciente por recoller o premio, pois xa o sabía desde o mes de xullo. Recolleuno moi orgulloso, porque era sabedor de haber entregado un bo traballo, abofé que si!

Noraboa Diego!


venres, 21 de xullo de 2017

Entrega do premio ao 1º posto no último reto do Pasaporte Saudable

Hoxe fixémoslle a entrega de premios ao gañador do último reto do concurso Pasaporte Saudable. Non puidemos facer unha entrega como se merece porque xa rematou o curso escolar e xa non está o alumnado no centro. Pero o gañador, Pedro Juncal, recolleu o premio moi orgulloso do seu traballo, e quedou moi sorprendido e ilusionado coa táboa de bodyboard, ademais do libro e do mandil. A verdade é que non o esperaba.

Non nos esquecemos de Diego Corral que tamén gañou un libro e un mandil co terceiro premio, que non puido vir a recollelo neste mes de xullo. Farémoslle a entrega á volta das vacacións.

Esperemos que Pedro disfrute moito do seu premio agora que estamos en pleno verán!


venres, 14 de xullo de 2017

Xa temos a placa de "Las Escuelas de la Milla"

Xa temos a placa que nos identifica como gañadores do premio concedido por "Las Escuelas de la Milla", un premio que recoñece o noso compromiso co fomento dun estilo de vida saudable. 

Resultou bastante doado, xa que facendo diariamente a nosa Milla da Curuxa superabamos con creces os requisitos para gañar o premio. Unicamente tivemos que ser constantes en ir subindo fotografías diarias, á súa web, de cada curso polo percorrido da milla.

Agora xa podemos lucir orgullosos esa placa conmemorativa nas paredes do centro. Agardamos poder conseguir algunha máis nos vindeiros anos.


venres, 30 de xuño de 2017

Participación Plan Proxecta Aliméntate ben

O CEIP Plurilingüe de Tirán acaba de decidir en claustro e en consello escolar a súa participación no Plan Proxecta, no programa Aliméntate ben, para o vindeiro curso 2017-2018.

As modalidades de participación serán as seguintes:

Deste xeito seguimos adiante cos obxectivos do noso Proxecto Deportivo de Centro, coa idea de fomentar unha alimentación saudable e potenciar o consumo dos produtos do medio rural e mariño.

 

O CEIP Plurilingüe de Tirán gaña de novo no Pasaporte Saudable

Unha vez máis o CEIP Plurilingüe de Tirán acada premios no concurso do Pasaporte Saudable. Conseguimos o primeiro e o terceiro posto, grazas ás creacións de Pedro Juncal de 3º de E. Primaria e a Diego Corral de 2º de E. Primaria. Para Pedro será a táboa de bodyborad, o libro e o mandil, para Diego tamén un libro e un mandil. E como acadamos o primeiro posto, o noso centro volve recibir un premio de 500 €, para seguir adiante co noso Proxecto Deportivo de Centro. Estas foron as creacións gañadoras!

 

luns, 19 de xuño de 2017

Éxito de participación na Olimpiada Escolar de Moaña

Na pasada fin de semana celebrouse a XXXVII Olimpiada Escolar de Moaña e o CEIP Plurilingüe de Tirán non pode sentirse máis orgulloso. Batemos un récord de participación por 4º ano consecutivo, con 85 participantes. Isto supón un aumento do 2% respecto do ano pasado, do 77% respecto do ano 2015 e do 325% respecto do ano 2014, ano no que comezamos a poñer en marcha iniciativas que acabaron confluindo no actual Proxecto Deportivo de Centro.

O fomento do atletismo no marco escolar e a aposta por iniciativas que buscan o incremento da práctica da actividade física entre os nosos escolares tradúcese nunha exitosa participación.

Tivemos un día moi caluroso, pero puidémolo ir soportando grazas a que estivemos á caron da praia. Aquí temos algunhas imaxes da competición na que foron participando os nenos e nenas do noso cole.



Pouco a pouco fomos conseguindo algúns podios, os nosos nenos e nenas entréganse nas súas probas e viven con moito entusiasmo este evento.

 
  

Finalmente conseguimos un 4º posto na clasificación final por colexios e, ademais, un magnífico récord na proba de relevos 4x60 m alevín masculino, que xa quedará para a historia do campionato, ata que alguén volva batelo, claro.