venres, 23 de decembro de 2016

A milla chega ao Belén!

Este ano estamos tan entusiasmados coa nosa Milla da Curuxa que mesmo a mestra e o alumnado de relixión quixeron que se notase no Belén.

Coma sempre esmeráronse en facer un traballo cheo de ilusión con todas as figuriñas, pero nesta ocasión metéronlle pequenos diálogos con moitas referencias á milla.

É estupendo ver como esta iniciativa foi tan ben acollida tanto polos mestres como polos alumnos e alumnas, como todos xuntos facemos que se note en cada unha das celebracións e conmemoracións do noso centro.

  

mércores, 21 de decembro de 2016

A milla no Nadal

Hoxe rematamos o primeiro trimestre e logo... vacacións de Nadal!. Seica nos veñen a visitar os Reis Magos, pero antes toca facer a milla, coma sempre. Algúns quixemos darlle unha pincelada propia destas datas e viñemos con gorros e traxes de Papá Noel. Unha milla moi divertida!

  

martes, 13 de decembro de 2016

De novo na tele, nesta ocasión en V Televisión

Novamente visítanos a prensa amosando interese polo noso Proxecto Deportivo e a nosa Milla da Curuxa. Nesta ocasión viñeron periodistas de V Televisión, fixeron a milla con nós e gravaronnos correndo. E tiveron un espectador de luxo, apareceu o noso amigo Pepín. Logo entrevistaron a algúns nenos e nenas para que lles contaran que lles parece isto de facer a milla diaria.

A noticia saíu hoxe no programa "Más que contar". Non podemos máis que estar agradecidos por tanto interese periodístico. Esperemos que cando menos sirva para animar a outros centros educativos a poñer en práctica iniciativas coma a nosa.


luns, 12 de decembro de 2016

Un almorzo saudable!

Os alumnos de 6º de Educación Primaria estiveron facendo un almorzo moi saudable. Trouxeron os alimentos da casa, preparárono entre todos no comedor do centro e deron conta del cunha gran satisfacción.

Trouxeron zume de laranxa natural, froita (pera e kiwi), iogur natural con froitos vermellos (moras e arándanos), torradas de pan de espelta, leite, queixo e embutidos (lomo e pavo).

Demostraron que son unha aula comprometida coa alimentación saudable que promove o noso proxecto deportivo.

domingo, 11 de decembro de 2016

Pasaporte saudable

O Pasaporte Saudable é un concurso da Escola de Alimentación da Fundación Eroski contigo en colaboración con Ausolan. Trátase dun proxecto lúdico-educativo que poñen en marcha co obxectivo de concienciar aos nenos e nenas que comen nos comedores escolares, sobre a importancia de levar unha alimentación sa e uns hábitos de vida saudables.

Trátase dun documento virtual onde poderá participar o alumnado de primaria nos diferentes retos mensuais de camiño hacia a saúde. Servirá para demostrar que cada un completa as etapas ou actividades e participa nos sorteos dos premios.

Desde a materia Promoción de Estilos de Vida Saudables, estamos a fomentar a participación de todo o alumnado do centro nos diferentes retos mensuais.

martes, 6 de decembro de 2016

Hoxe saímos na tele!

Hoxe saímos na tele pola repercusión que está a ter nos medios de comunicación a nosa Milla da Curuxa. Puidemos ver aos nosos escolares gozando dunha milla especial e respondendo moi ilusionados ás preguntas da periodista.

Para o CEIP Plurilingüe de Tirán é un orgullo darse a coñecer a nivel estatal polas súas prácticas de fomento da actividade física e alimentación saudable, xunto con outras dúas iniciativas tamén saudables doutros centros educativos.

Esperamos que a nosa experiencia sirva de exemplo para outros centros que amosen interese por levar adiante prácticas coma a nosa.


domingo, 4 de decembro de 2016

A milla da Curuxa na radio!

Novamente o CEIP Plurilingüe de Tirán volve a ser noticia nos medios de comunicación pola súa Milla da Curuxa. Nesta ocasión visitounos un periodista da Cadena Ser, que nos entrevistou para coñecer de cerca as nosas prácticas saudables.

Atendémolo con moito gusto intentando devolverlle toda a amabilidade que el nos ofreceu. Podemos escoitar ao noso mestre de Educación Física explicándolle diversos aspectos do noso Proxecto Deportivo e a un pequeno grupo de nenos. A ver se conseguides recoñecelos.



venres, 2 de decembro de 2016

Hoxe percorrido alternativo.

Como xa sabedes, A Milla da Curuxa ten varios percorridos. Aínda que case sempre imos polo principal, hoxe tivemos que facer o percorrido alternativo que sobe á Capela dos Remedios. Están a facer talas no monte e temos parte do camiño atrancado.

Tivemos que afrontar unha forte pendiente para subir á capela. Menos mal que estamos moi adestrados xa. Para compensar é un percorrido máis curto. En calquera caso, seguimos correndo a tope.