venres, 25 de xaneiro de 2019

Xornada de XOGADE no CEIP de Quintela

Hoxe vivimos unha xornada de XOGADE no CEIP de Quintela co alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria. Alí practicamos algunhas modalidades deportivas como fútbol sala, baloncesto, balonmán e xadrez. Houbo tempo tamén para convivir con eles no patio e para disputar uns encontros finais ao brilé con todo o alumnado misturado.

No fin da xornada deixamos unha instantánea reflexo da boa convivencia entre ambos centros. Ata o vindeiro curso!

 

venres, 11 de xaneiro de 2019

Cross escolar zonal do Morrazo

Hoxe celebrouse o cross escolar zonal do Morrazo, no que participa o alumnado desde 2º de E. Primaria ata 6º de E. Primaria de diferentes colexios de Moaña e Cangas. A xornada estivo acompañada dun tempo espectacular e dunha moi boa participación en canto a número de participantes.

Pouco a pouco foron tomando a saída as diferentes categorías tanto masculinas como femininas. Todos e todas agardaban impacientes.


 

Enseguida se deu a saída e todos os participantes deron o que puideron para rematar a carreira da mellor maneira posible, sabendo que o importante é participar e convivir.

  

Ao final o esforzo tivo a súa recompensa. Estes son algúns dos participantes do CEIP Plurilingüe de Tirán que acadaron diploma por estar entre os 10 primeiros clasificados. Noraboa a todos!

 

xoves, 10 de xaneiro de 2019

Etwinning: Pequenos pasos para grandes éxitos

Este ano participamos nun proxecto europeo de Etwinning denominado "Small steps to great succesees". Este proxecto ten o obxectivo de familiarizar aos estudantes con diversas formas de actividade física, pero tamén elevar o nivel do seu estado físico e crear condicións para o desenvolvemento de intereses deportivos e ideas para o uso do tempo libre.

A continuación pódese ver un vídeo, elaborado para participar no proxecto, que pretende ilustrar accións de adestramento e participación en xogos olímpicos escolares, aproveitando que nós contamos coa nosa particular Olimpíada escolar de Moaña.



Con este proxecto espérase como resultados que os nenos e nenas amosen un maior interese nos deportes e no tempo libre activo. Preténdese que aprendan xogos novos e que se integren as actividades do proxecto no proceso educativo. Espérase que ao estudar diferentes deportes e coñecer atletas do seu país, amplíen horizontes nesta área.
Neste outro vídeo fixemos un montaxe sobre a nosa milla para dalo a coñecer aos países participantes no proxecto.