mércores, 31 de maio de 2017

Último reto do Pasaporte Saudable

Neste último reto do Pasaporte Saudable convídannos a facer un mural con flores, con aquelas que máis nos gusten. Logo hai que secalas uns días no medio dun libro ben gordo e facer unha composición sobre un papel branco. Neste caso o premio vai ser unha táboa de bodyboard, máis o libro e o mandil.



Este foi o resultado das nosas creacións. Foron poucas, pero de gran calidade. A ver se hai sorte!



martes, 30 de maio de 2017

Unha xornada mariñeira

Hoxe o alumnado de 1º e 2º de E. Primaria viviu unha xornada mariñeira, dentro do programa O sabor da aventura está no mar. Estivemos no porto de Bueu coñecendo algunhas cousiñas das artes de pesca. Logo fomos á lonxa a coñecer de cerca como se desenvolven as subastas. Na praza de abastos atendéronnos con moitas ganas e aprendemos moitas cousas dos peixes. Ao final puidemos degustar unha boa merendola a base de produtos do mar.

Para algún foi, sen dúbida "a mellor excursión da miña vida". Como nos alegra escoitar iso con tanto entusiasmo por parte do noso alumnado!

   

Podedes ver moitas máis fotos sobre a xornada no propio blog do programa O sabor da aventura está no mar. Hai un montón e moi divertidas!

xoves, 25 de maio de 2017

Xornada de atletismo no CGTD de Pontevedra

Hoxe disputamos unha competición provincial de atletismo en pista no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, logo de clasificarnos anteriormente nunha xornada local en Cangas. Igual ca naquel entón, competimos nas seguintes modalidades:
  • 60 m lisos
  • 500 m lisos
  • Salto de lonxitude
  • Lanzamento de peso
  • Lanzamento de vórtex 
  • Relevos 4x60 m
Congregáronse máis de 15 colexios de toda a provincia e, finalmente, conseguimos unha meritoria cuarta posición.

mércores, 24 de maio de 2017

Rematamos o reparto de froita

Esta será a última semana de reparto de froita deste curso escolar. Repartimos plátanos, pexegos, mazás, e nésperas. Deste xeito damos por conseguido o obxectivo deste curso escolar, de acercar a froita aos escolares. 

Para vindeiros cursos trataremos de establecer novas metas, como pequenos estudos de consumo nos fogares e estratexias para que os hábitos de consumo de froita non estean vinculados a períodos de campaña, senón que se consoliden na vida diaria das familias e dos seus fillos e fillas.

 

luns, 22 de maio de 2017

Esgrima na escola!

Hoxe o alumnado de 4º, 5º e 6º de E. Primaria tivemos unha clase de Educación Física diferente. Dous técnicos da Federación Galega de Esgrima viñéronnos dar a coñecer esta disciplina. A sesión estivo impartida por Araceli Bugallo, monitora nacional de esgrima e competidora a nivel nacional e internacional coa selección española. Xunto co seu acompañante, deunos algunha noción teórica e deseguido comezamos coa parte práctica na que aprendemos algúns aspectos técnicos desta disciplina, utilizamos material propio de competición e tivemos algo de tempo para poder facer algún combate de verdade!

   

xoves, 18 de maio de 2017

Chegan os obradoiros de "O sabor da aventura está no mar"

Hoxe o noso ximnasio converteuse nunha auténtica aula do mar. Viñeron a desenvolver os obradoiros de O sabor da aventura está no mar. A través dun pequeno teatro para os máis cativos e dunha serie de estacións con diferentes actividades para os máis grandes, o noso alumnado puido aprender moitas cousas das especies mariñas e do mundo do mar. Entraron en contacto cos arroases, unha cuadrilla de nenos que coñecen moi ben a importancia de comer peixe.

O resultado foi mo bo, unha xornada de diversión con novos coñecementos sobre os nosos peixes, que nos dan moita enerxía. Agora solo falta que nos leven a coñecer o funcionamento dunha lonxa e dunha praza de abastos. Isto vai ser moi pronto!

   

O noso alumnado mesmo firmou unha carta de compromiso para consumir máis productos do mar e difundir a mensaxe entre os seus amigos e amigas.


xoves, 11 de maio de 2017

Como ordenar correctamente o interior da mochila

Na materia de libre configuración, Promoción de Estilos de Vida Saudables, o alumnado de 4º de E. Primaria aprendemos a como se deben colocar todos os libros e demais elementos dentro da mochila. Non todo vale, xa que se non está ordenado moi probablemente a mochila vaia torcida, podendo ocasionar asimetrías na musculatura da nosa espalda.

Moitas veces, poñemos o noso estoxo ou algunha prenda de roupa na parte de atrás da mochila e logo por diante os libros. Desta maneira a parte da mochila que vai ir en contacto coa espalda non se acopla ben coa mesma. Aquí vemos algúns exemplos.

  

O que temos que facer é colocar os elementos máis grandes e pesados na parte de atrás, como as carpetas ou os libros máis pesados, logo ir colocando o resto de libros e libretas por orde de tamaño e, finalmente, poñer diante outras libretas pequenas, a axenda, o estoxo, a botella de auga ou calquera outra cousa de pequeno tamaño. Deste xeito, a nosa espalda vai estar máis agradecida.

 

mércores, 10 de maio de 2017

Xornada de atletismo en pista en Cangas...clasificados!

O alumnado de 5º de E. Primaria asistiu hoxe a unha xornada de atletismo en Cangas, para competir con outros centros de Moaña, nunha fase clasificatoria que dará aceso a unha xornada provincial no CGTD de Pontevedra.

Tivemos que levar un equipo moi escaso, pois só temos 12 alumnos e alumnas neste curso. Ainda que finalmente puidemos levar algúns nenos e nenas de 4º.

Competiamos nas seguintes probas:
  • 60 m lisos
  • 500 m lisos
  • Lanzamento de vórtex
  • Lanzamento de peso
  • Salto de lonxitude
  • Relevos 4x60 m
Aquí podemos ver como o noso alumno Daniel Cordeiro gañaba unha das series de 60 m lisos.


O resto da xornada deixou imaxes espectaculares como este salto de lonxitude de Adrián Álvarez ou a concentración do propio Daniel Cordeiro na saída dos 60 m lisos.

 

O lanzamento de vórtex, unha disciplina que substitúe ao lanzamento de xavelina en idades inferiores, tamén nos deixou esta bonita imaxe do lanzamento de Iker Bon, que tamén acabou gañando a súa proba.



Finalmente, logo de esperar impacientes, o sistema de clasificación por puntos deunos como gañadores da xornada e poderemos ir ao CGTD de Pontevedra para disputar unha xornada a nivel provincial.

Noraboa!

xoves, 4 de maio de 2017

Tirán, máis deportivo ca nunca!

O CEIP Plurilingüe de Tirán dálles a benvida ao seu blog do Proxecto Deportivo de Centro. Este blog constitúe unha ferramenta de comunicación para os seus lectores respecto do que se está a facer no proxecto, especialmente para as familias do noso alumnado. Ao mesmo tempo tamén serve para dar a coñecer o seu desenvolvemento ás persoas e entidades que o van avaliar.

Pedimos desculpas por non telo activado antes, pero non foi doado poñelo en marcha, pois había moita información que transmitir e dar a coñecer. De feito, poderán ver que hai apartados que inda están en construcción. En calquera caso, xa está dispoñible toda a información relativa ao PDC, á Milla da Curuxa e á materia de libre configuración autonómica, Promoción de Estilos de Vida Saudables, que son os piares fundamentais do proxecto.

Axiña se irán engadindo e completando as entradas, incluídas as correspondentes ao primeiro e segundo trimestre, que estarán organizadas por orde cronolóxico no menú Inicio. Para acceder a un grupo de entradas relativas a un tema común non teñen máis que ir ás etiquetas ou navegar polas pestanas dos submenús.

mércores, 3 de maio de 2017

3ª xornada de XOGADE: benvidos CEIP do Hío!

Na terceira e última xornada de XOGADE estivemos encantadísimos de acoller ao CEIP do Hío. Nun principio estaba previsto que fosemos nós ao seu centro, pero como se predecía unha boa climatoloxía propuxémoslles que viñeran a Tirán para coñecer tamén a nosa Milla da Curuxa. Como non podía ser menos, encantoulles e incluso se animaron a dar máis dunha volta!

Nos encontros deportivos todo transcorreu con normalidade nas distintas modalidades de baloncesto, balonmán, fútbol sala e xadrez. Unha boa ocasión para que os escolares aprendan a convivir e a competir dentro da escola, lonxe dos clubes deportivos, onde moitas veces os valores competitivos que se transmiten non son os máis educativos.

Finalmente despedimos a xornada cunhas cantas partidas ao brilé e cunha foto colectiva que amosa a boa convivencia que se viviu durante todo o día.

    

martes, 2 de maio de 2017

Especialistas en saúde

O alumnado de 6º de Educación Infantil estivo a traballar nun proxecto moi interesante chamado Maletín do Especialista en Saúde. Con este proxecto foron investigando sobre os sentidos e sobre os órganos relacionados con cada un deles.

Cada neno e nena facía un traballo de investigación na súa casa, coa axuda das súas familias e logo dábano a coñecer ao resto de compañeiros e compañeiras na aula, amosando os diferentes traballos que foron elaborando. Logo na aula facían actividades de grupo relacionadas coa temática de cada unha das investigacións.

Unha vez máis observamos o compromiso do noso profesorado co noso Proxecto Deportivo de Centro

Podedes coñecer máis a fondo este proxecto en Maletín do Especialista en Saúde.