martes, 31 de outubro de 2017

Unha milla terrorífica!

Hoxe martes celebramos o Samaín e, como non podía ser menos, fixémolo por todo o alto. Pensamos en converter a nosa milla nunha milla terrorífica! Pedimos axuda ás familias, que de seguido se presentaron voluntarios e voluntarias para exercer de actores e actrices.

Diseñamos o percorrido distribuindo diferentes personaxes ao longo do mesmo, buscando lugares estratéxicos e tratamos de crear un ambiente espantoso!

A verdade é que foi todo un éxito, e que mellor maneira de celebrar o Samaín facendo exercicio. Coma noutras ocasións, cando o tempo nolo permite, o camiño da Milla da Curuxa convértese nun escenario perfecto para levar a cabo diferentes actividades e celebracións.

No seguinte vídeo podedes ver cal era o percorrido que lles esperaba ao noso alumnado. Visto así a verdade é que mete medo!


Pois mirade o que realmente sucedeu. Os máis pequeniños fixeron só unha pequena parte do percorrido, para que non o pasasen mal. Os de primaria xa se adentraron de cheo no camiño. A verdade é que houbo de todo, algúns deron volta, outros facíanse os valentes pero de vez en cando a súa cara dicía outra cousa, outros non aguantaban a risa, incluso houbo que se meteu no papel de asustado para contaxiar. Non volo perdades!


luns, 30 de outubro de 2017

O diario eldiario.es fala da nosa milla diaria

Na edición dixital de eldiario.es de onte falan sobre a nosa iniciativa de saír cada día cos nosos escolares a facer A Milla da Curuxa. Sacaron unha noticia referida a varias iniciativas de colexios relacionadas con hábitos saudables.

Abordan o problema da obesidade infantil falando da necesaria concienciación dos comedores escolares, a importancia do exercicio físico e como se fai cada vez máis necesario incidir no ámbito familiar.



luns, 2 de outubro de 2017

De novo no programa "Las Escuelas de la Milla"

Este ano volvemos a formar parte do programa escolar "Las Escuelas de la Milla", que está baseado na mesma idea na que nos baseamos nós, na iniciativa que surxiu no reino unido coñecida como The Daily Mile.

É un programa que tamén pretende abordar o problema da obesidade infantil, dunha forma divertida. Propoñen un reto mensual durante o periodo comprendido entre o 2 de outubro ata o 21 de marzo, que consiste no seguinte:
  • Outubro: correr 1 milla un día de cada semana do mes.
  • Novembro: correr 1 milla dous días cada semana do mes.
  • Decembro: correr 1 milla tres días cada semana do mes.
  • Xaneiro: correr 1 milla catro días cada semana do mes.
  • Febreiro: correr 1 milla cinco días cada semana do mes.
  • Marzo: correr máis de unha milla cada semana ou correr seis millas cada semana (fin de semana en familia)
Un ano máis, ainda que nós xa estamos a cumprir co reto do mes de marzo, participaremos porque é unha maneira de impulsar o seu proxecto e tamén de dar a coñecer o noso.

Esperamos recibir novamente un regalo de participación, as pulseiras das escolas da milla, para identificarse coma participantes no reto e convertirse en firmes defensores da actividade física.

E haberá un premio especial. De entre todos os centros educativos que participen no programa, un xurado seleccionará aos 3 máis colaborativos e coas fotografías e frases mensuais máis orixinais, para facerlles entrega dunha placa conmemorativa que recoñeza o compromiso dun estilo de vida saudable.

Se lembrades, na primeira edición resultamos gañadores e concedéronnos a placa, a ver que pasa este ano...