venres, 20 de xaneiro de 2017

Por fin este ano teremos XOGADE intercentros.

Despois de dous anos intentándoo, este ano por fin teremos competición intercentros a través do programa Actividade Deportiva Escolar, que forma parte de XOGADE.

Lanzamos a nosa proposta a todos os colexios de Moaña, pero non conseguimos que ningún deles se sumara á nosa iniciativa. É posible que a proposta chegase algo tarde, porque algúns non atoparon oco na súa programación de actividades e proxectos, outros aludiron á complexidade de levalo a cabo no seu centro polo gran número de alumnado e dunha pequena minoría nunca soubemos nada.

Non nos quixemos rendir e fomos a polos centros de Cangas. E aquí si tivemos sorte, porque a proposta foi acollida por dous centros educativos: o CEIP de Plurilingüe de San Roque de Darbo e o CEIP do Hío. Conseguimos chegar a un acordo e establecer un calendario de competición, para o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria, coas seguintes datas:
  • 22 de marzo
  • 5 de abril
  • 3 de maio
O modelo de xornada terá un caracter competitivo-participativo, é dicir, haberá competición pero non haberá unha clasificación para ningunha fase competitiva. O importante será a convivencia, pero tamén aprendendo a competir desde a escola, cuns valores algo afastados da competición entre clubs deportivos. Tamén pretende acercar á competición a aquel alumnado que non o fai fóra da escola e que poida que sexa o seu único contacto coa mesma. A xornada contará coas seguintes modalidades:
  • Baloncesto
  • Balonmán
  • Xadrez
  • Fútbol sala
  • Brilé
Darán comezo ás 10.00 h da mañá e rematarán ás 13.30 h. Nas distintas xornadas, o centro que compite na casa organiza o horario de competición e modalidades en función do seu horario lectivo e do tempo de lecer. En cada modalidade, dependendo do número de alumnado participante, os mestres pactarán os períodos de xogo, a súa duración e o número de participantes por equipo. O brilé será unha modalidade non competitiva, na que os equipos se farán misturando ao alumnado de ambos centros.

E por suposto, cando nos toque recibilos convidarémolos a facer A milla da Curuxa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario