xoves, 14 de decembro de 2023

Visita do Balonmán Cangas!

Hoxe recibimos a visita do Balonmán Cangas, dentro dunha actividade enmarcada no programa XOGADE. Viñeron a presentarnos o clube e a facer unha serie de exercicios como antesala dunhas sesión que imos recibir posteriormente por monitores do clube. Acompañounos un dos porteiros do equipo titular.


 

luns, 11 de decembro de 2023

Xogando ao voleibol!

Hoxe recibimos no centro a dous monitores do club de voleibol Maniotas de Cangas, dentro da modalidade actividade deportiva escolar do programa XOGADE. Viñeron a presentarnos este deporte e poñer en práctica algunhas habilidades co noso alumnado de 5º de Educación Primaria.



 

venres, 24 de novembro de 2023

Celebrando o 25N

Hoxe celebramos no centro o día da non violencia de xénero. Para iso aproveitamos o recorrido da nosa milla para enchelo de mensaxes en favor desa loita. Finalmente recordamos este día cunha gran foto de familia.




venres, 6 de outubro de 2023

Cros zonal nas pistas de A Xunqueira

Hoxe, un ano máis, celebramos o cros zonal de A Xunqueira, co noso alumnado de 2º a 6º de Educación Primaria. Unha xornada deportiva pero tamén de convivencia con outros centros de O Morrazo. O noso alumnado estivo moi activo e foron chegando algúns logros, que esperamos que sexan suficientes para acadar a clasificación para a fase provincial e poder vivir así unha nova experiencia.






luns, 2 de outubro de 2023

Proba DAFIS

Neste vídeo podemos ver ao noso alumnado facendo a proba Course Navette, proba que forma parte do programa DAFIS e que no noso centro se realiza no inicio e no fin do curso.

luns, 11 de setembro de 2023

Xogamos?

Este ano iniciamos o curso dun xeito especial. Organizamos unha xornada de xogos co motivo do tema central do cole para este ano, Xogamos? O obxectivo era que o alumnado fose pasando por diferentes estacións con xogos para conseguir algo en cada un deles que servira para descubrir o resultado final.

Así fomos xogando a xogos tradicionais como as carreiras de sacos, a chave tan popular aquí en Moaña, o soga-tira, os bolos ou o xogo do pañuelo.






Tamén xogamos a outros nos que tivemos que poñer en práctica as nosas habilidades co pedra-papel-tesoira ou xogos de puntería.



En cada un dos xogos o alumnado ía conseguindo pezas dun puzle. Unha vez conseguidas todas elas había que completalo para descubrir o lema deste ano.



Unha vez completado o puzle puidemos ver o resultado final, o tema central do cole para este curso que vai vertebrar todas as actividades que fagamos, Xogamos?

martes, 20 de xuño de 2023

Saída fin de curso

Este ano organizamos a saída fin de curso de actividades deportivas. Unha mostra máis do compromiso do noso PVAD, co que intentamos relacionar as actividades complementarias e extraescolares coa práctica da actividade física. 

Estivemos na Illa das Esculturas en Pontevedra, con xogos de auga e actividades acuáticas como kayak e pádel surf. Ademais fixémos unha busca do tesouro pola illa para coñecer a historia das esculturas que alí se atopan.



 

luns, 19 de xuño de 2023

Excursión a Manzaneda!

O noso alumnado de 6º foi de excursión a Manzaneda. Unha excursión chea de actividades deportivas, unha tendencia que se está a seguir nos últimos anos e que se afianza co noso PVAD. Alí puideron gozar da piscina, tiro con arco, slackline, circuito en altura, etc.



 

xoves, 15 de xuño de 2023

Xornada coa SD Samertolameu

Hoxe o persoal do clube de remo S.D. Samertolameu pasou polo noso centro para facer unha pequena competición de ergómetros e así poder selecionar aos mellores tempos para unha pequena competición que terá lugar no Desafío dos vindeiros días.


O noso alumnado púxose a tope e algúns deles conseguiron facer os tempos necesarios para ser clasificados. Foi unha maneira diferente de poñer punto final á materia de Educación Física neste curso académico.