luns, 17 de decembro de 2018

Cogomelos na milla.

Hoxe atopamos, no percorrido da nosa milla diaria, varios cogomelos, un organismo vexetal pertencente aos fungos que crecen nesta época do ano.

Este tipo de acontecementos sérvennos para traballar aspectos didácticos propios das ciencias naturais, de xeito que o noso alumnado sae ao monte, non só a facer a milla, senón tamén a desenvolver aspectos curriculares, convertendo así a nosa milla nunha milla didáctica.

martes, 4 de decembro de 2018

Trasladámoslles os resultados de DAFIS ás familias.

Feitas as valoracións DAFIS, informamos ás familias de que os resultados están á súa disposición. Parte delas pídennos que comentemos con eles os resultados dos seus fillos e fillas. Interésanse sobre todo polos niveis de IMC e polo tipo de actividade física recomendada para iniciarse na práctica deportiva.

A nosa intervención limítase a comentar os resultados e dar algunhas indicacións a modo de consello. Por suposto non entramos en cuestións pediátricas, pois para iso xa existen os especialistas pediátricos.

mércores, 28 de novembro de 2018

Seguimos mellorando o patio: un círculo de troncos!

Hoxe estreamos un círculo de troncos no noso patio. O concello de Moaña colocounos estes troncos de eucalipto doados pola comunidade de montes. Seguimos apostando polo ofrecemento de novas alternativas lúdicas no tempo de lecer dentro do noso Proxecto Deportivo.

É tamén unha magnifica alternativa para impartir clases ao aire libre a modo de asamblea e establecer unha dinámica de debate co alumnado.



martes, 13 de novembro de 2018

Xornada de xogos populares na celebración do Magosto

Como cada ano, antes de asar e comer as castañas en familia, facemos xogos populares. Dividímonos en grupos, de xeito que en cada un deles haxa alumnado de todos os cursos. Logo imos rotando por estacións, practicando cada un dos xogos uns cantos minutos para que nos dea tempo a pasar por todos. É unha xornada de convivencia moi especial.

     

xoves, 11 de outubro de 2018

Hoxe chove e toca sesión de Móvete +

Como se pode ver hoxe tocounos Móvete +, pois estaba de chuvia e non puidemos saír a facer a nosa milla diaria. Neste caso con coreografías de Just Dance. O noso alumnado segue moi atentamente os bailes da pantalla e intenta reproducilos con moita exactitude. Pasan un rato moi divertido e moi movido, que ese é o obxectivo!

  

mércores, 26 de setembro de 2018

Construíndo un rocódromo no ximnasio.

Por fin nos decidimos a montar un rocódromo no ximnasio. Primeiro conseguimos uns taboleiros DMF que tivemos que furar e colocarlle unhas tuercas de araña por detrás. Despois colocamos uns listóns de madeira para que apoien na parede e o tablero quede oco.



Para poder anclar os taboleiros na parede facemos uns buratos e colocamos uns tamices con taco químico.

  

Agora xa se poden anclar definitivamente os 12 taboleiros. Haberá que facer algún axuste para que todos queden ao mesmo nivel, xa que a parede non é regular.



Unha vez conseguido procedemos a darlle unha man de imprimación para logo poder decoralo a gusto.



Agora debuxamos as siluetas do que queremos pintar, coa axuda dun proxector e procedemos a pintar a cor de fondo de cada un dos taboleiros.

  

Unha vez pintados, toca comezar cos debuxos, que aínda se poden ver. Haberá que ser coidadosos co pincel...

  

Pouco apouco vai tomando forma e color. O que é seguro e que vai quedar un rocódromo moi colorido.



Este é o resultado final. Xa só queda colocar as presas de xeito que poidamos crear rutas de diferente dificultade.



E listo! Unha vez colocadas as mesmas, o noso alumnado xa pode gozar dunhas boas sesións de escala.

sábado, 15 de setembro de 2018

Colocamos un zapateiro para as zapatillas do alumnado

Este curso académico comezamos con novidades na Educación Física. O alumnado terá un zapateiro para deixar as súas zapatillas e non cargar con elas diariamente. Unha medida necesaria desde que implantamos a obligatoriedade de traer un par de zapatillas propios para a Educación Física.

Debido á nosa milla diaria e a que o noso patio ten moitas zonas verdes e de terra, o calzado do alumnado volve para as aulas con bastante terra, sobre todo nos días húmidos ou nos que choveu en días anteriores. Faise necesario poñer zapatillas limpas antes de entrar no ximnasio, do contrario acaba cheo de terra ao final do día. E é precisamente aí cando teñen clase de psicomotricidade os nenos e nenas de Educación Infantil, que acostuman a facer moitas tarefas no chan. Agora será máis doado ter un ximnasio limpo ao longo de toda a xornada escolar. 

Construimos unhas estanterías, de xeito que cada clase tivese un espazo para cada neno ou nena...



Unha vez listas, engadímoslles unhas portas de cores, colocámoslles unhas pechaduras e identificamos os cursos cuns vinilos nas mesmas.



Grazas á creatividade dunhas alumnas de 4º xa temos uns chaveiros de cores moi axeitados para a ocasión.



Unha vez listo xa podemos proceder a darlle uso. Por suposto, non é unha medida obligatoria, pois aquel alumnado que polo motivo que sexa, prefire levar e traer os sus tenis nos días de Educación Física, pode facelo, simplemente pretendemos darlles facilidades a eles e ás súas familias.

mércores, 20 de xuño de 2018

II Edición dos Premios Cross

Hoxe foi o último día de cole e despedimos o curso co tradicional festival, ademais de facer entrega dos Premios Cross por parte da coordinación do noso Proxecto Deportivo.



Estes premios teñen tres categorías:

  • Premio á participación: outorganse 2 puntos pola participación en cada unha das probas da temporada de crosses, agás no Cross de Tirán no que se outorgan 4 puntos. Obteñen o premio aqueles participantes que acadaron 10 puntos. Estes son os premiados:


  • Premio especial á participación: concédeselle aos participantes que asisten a todas as probas. Estes son os nove que non fallaron:



  • Premio especial á combatividade: aos tres primeiros clasificados segundo un baremo que ten en conta a participación e o posto acadado en cada proba. Velaquí os gañadores desta edición:

Xa temos a nos asegunda placa de "Escuelas de la milla"

Por segundo ano consecutivo temos a placa que nos identifica como gañadores do premio concedido por "las escuelas de la milla", un premio que recoñece o noso compromiso co fomento dun estilo saudable.

Deste xeito, destaca o noso gran número de millas percorridas e o noso compromiso por fomentar a actividade física infantil a través da diversión e do compañeirismo.





martes, 19 de xuño de 2018

Practicando co ergómetro

Hoxe, nas clases de Educación Física fixemos unha actividade de remo, como non podía ser menos, co club de remo SD Tirán. Acompañáronnos dúas monitoras que nos explicaron un pouco da súa historia e particularidades do deporte do remo.



Despois estivemos coa parte máis divertida, duelos co ergómetro a ver quen conseguía facer unha determinada distancia no menor tempo posible. Foi unha clase moi intensa.

  

luns, 11 de xuño de 2018

A nosa última participación para o "Pasaporte Saludable"

Poñemos punto e final a este concurso coas nosas últimas participacións, para este reto de elaboración de receitas saudables. Xa está todo listo, a ver se finalmente a valoración do xurado fai que alguén máis do noso centro volva a resultar premiado ou premiada con ese curso no Basque Culinary Center. O resultado foi este, non falta calidade como se pode apreciar. Sorte!

venres, 1 de xuño de 2018

Unha atleta olímpica en Tirán!

Hoxe o olimpismo chegou ao noso centro. Recibimos a visita de Felicea Tilea Moldovan, unha atleta romanesa que estivo no máis alto da élite mundial na disciplina de lanzamento de xavelina. Foi grazas á familia romanesa do noso centro, xa que nos puxo en contacto con ela e aproveitamos a proximidade da Olimpíada Escolar de Moaña para ofrecerlles ao noso alumnado unha sesión de lanzamento.

Felicea comezou contando a historia da súa vida, como que cando era pequena tiña que camiñar moitos quilómetros para ir á escola, ás veces cun metro de neve, ou como descubriron as súas aptitudes en campionatos escolares. Narrou como pouco a pouco foi chegando á cuspide deste deporte. 



O noso alumnado quedou abraiado coa exposición de acreditacións e medallas dos distintos campionatos nos que participou, que non foron poucos. É mester destacar que participou en catro Xogos Olímpicos e sete Campionatos do Mundo, chegando a ser subcampiona mundial.

 

Pero tamén quixo facer fincapé na dureza de chegar tan lonxe, xa que esixe de moita forza mental e renunciar a moitas cousas. Foi moi impactante como lles comentou aos nosos alumnos e alumnas a experiencia máis negativa da súa carreira, cando tiña todas as de gañar uns Xogos Olímpicos e circunstancias fixeron que nin sequera puidese optar a unha medalla. Destacou a súa gran preparacíon física e técnica, pero que nunca tivo quen a asesorara psicoloxicamente, para facer fronte a determinadas situacións de competición, como a que ela viviu. Tocáballe competir simultáneamente coa final olímpica de 400 m, onde estaba a gran estrella mundial do atletismo daquel entón, Michael Johnson. Era tal o rebumbio que se organizou no estadio que non foi quen de afrontar a súa competición coa concentración suficiente. Foi tan grande a rabia contida por esa situación que tivo que ir ao hospital porque comezábaselle a paralizar unha parte do rostro, segundo os médicos, por todas as bágoas que tiña acumuladas no encéfalo e que non foi quen deixar saír.



De xeito espontáneo, o noso alumnado comezou a pedir autógrafos e, aproveitando que estabamos en plena contrución do noso rocódromo, pedímoslle que inmortalizara o seu paso polo centro asinando no propio rocódromo.



Finalmente preparou unha pequena sesión de lanzamento cun quecemento previo que ela mesma dirixiu. O noso alumnado puido recibir indicacións técnicas de toda unha atleta olímpica e usando as súas propias xavelinas de competición. Esperamos ter máis experiencias coma esta!