mércores, 21 de marzo de 2018

2ª Xornada de XOGADE: recibimos ao CEIP de Quintela e ao CEIP de A Guía

Nesta segunda xornada de XOGADE somos os anfitrións. Hoxe visitáronnos o CEIP de A Guía e o CEIP de Quintela e con eles organizamos unha xornada a modo de competición triangular. En cada modalidade deportiva (baloncesto, balonmán, fútbol sala e xadrez) disputáronse tres encontros nos cales se enfrontaban sempre dous colexios e un descansaba.

Comezamos con baloncesto, coma sempre. A verdade é que competiron moi ben, sen discusións nin malas accións, case non foi necesario arbitrar. O resultado, coma sempre, foi o de menos. O importante é disfrutar da convivencia.



Rematado o baloncesto fixemos un parón, xa que era a hora da milla. Como non podía ser menos, invitamos ao alumnado visitante e aos seus mestres e mestras a facer a nosa Milla da Curuxa. Quedaron encantados, o alumnado visitante non paraba de preguntarlle ao seu profesorado por que non podía facer o mesmo no seu cole. A verdade é que, lamentablemente, non todos os centros teñen a sorte de ter un entorno coma o noso. Todo é cuestión de que se o propoñan.

 

Logo seguimos con balonmán, onde xa houbo máis competitividade, pois parte do alumnado está en equipos federados da comarca. En calquera caso, foi unha competición igual de limpa.



Finalizado o balonmán tivemos o parón do recreo, no que o alumnado visitante puido compartir ese tempo de lecer co resto do alumnado do noso centro. Unha vez rematado, tocábanos fútbol sala e, de xeito simultáneo, xadrez no ximnasio.

 

E xa para rematar, unhas partidas ao brilé todos misturados e unha instantánea final para o recordo, co alumnado dos tres centros participantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario