luns, 17 de decembro de 2018

Cogomelos na milla.

Hoxe atopamos, no percorrido da nosa milla diaria, varios cogomelos, un organismo vexetal pertencente aos fungos que crecen nesta época do ano.

Este tipo de acontecementos sérvennos para traballar aspectos didácticos propios das ciencias naturais, de xeito que o noso alumnado sae ao monte, non só a facer a milla, senón tamén a desenvolver aspectos curriculares, convertendo así a nosa milla nunha milla didáctica.

martes, 4 de decembro de 2018

Trasladámoslles os resultados de DAFIS ás familias.

Feitas as valoracións DAFIS, informamos ás familias de que os resultados están á súa disposición. Parte delas pídennos que comentemos con eles os resultados dos seus fillos e fillas. Interésanse sobre todo polos niveis de IMC e polo tipo de actividade física recomendada para iniciarse na práctica deportiva.

A nosa intervención limítase a comentar os resultados e dar algunhas indicacións a modo de consello. Por suposto non entramos en cuestións pediátricas, pois para iso xa existen os especialistas pediátricos.

mércores, 28 de novembro de 2018

Seguimos mellorando o patio: un círculo de troncos!

Hoxe estreamos un círculo de troncos no noso patio. O concello de Moaña colocounos estes troncos de eucalipto doados pola comunidade de montes. Seguimos apostando polo ofrecemento de novas alternativas lúdicas no tempo de lecer dentro do noso Proxecto Deportivo.

É tamén unha magnifica alternativa para impartir clases ao aire libre a modo de asamblea e establecer unha dinámica de debate co alumnado.



martes, 13 de novembro de 2018

Xornada de xogos populares na celebración do Magosto

Como cada ano, antes de asar e comer as castañas en familia, facemos xogos populares. Dividímonos en grupos, de xeito que en cada un deles haxa alumnado de todos os cursos. Logo imos rotando por estacións, practicando cada un dos xogos uns cantos minutos para que nos dea tempo a pasar por todos. É unha xornada de convivencia moi especial.

     

xoves, 11 de outubro de 2018

Hoxe chove e toca sesión de Móvete +

Como se pode ver hoxe tocounos Móvete +, pois estaba de chuvia e non puidemos saír a facer a nosa milla diaria. Neste caso con coreografías de Just Dance. O noso alumnado segue moi atentamente os bailes da pantalla e intenta reproducilos con moita exactitude. Pasan un rato moi divertido e moi movido, que ese é o obxectivo!

  

mércores, 26 de setembro de 2018

Construíndo un rocódromo no ximnasio.

Por fin nos decidimos a montar un rocódromo no ximnasio. Primeiro conseguimos uns taboleiros DMF que tivemos que furar e colocarlle unhas tuercas de araña por detrás. Despois colocamos uns listóns de madeira para que apoien na parede e o tablero quede oco.



Para poder anclar os taboleiros na parede facemos uns buratos e colocamos uns tamices con taco químico.

  

Agora xa se poden anclar definitivamente os 12 taboleiros. Haberá que facer algún axuste para que todos queden ao mesmo nivel, xa que a parede non é regular.



Unha vez conseguido procedemos a darlle unha man de imprimación para logo poder decoralo a gusto.



Agora debuxamos as siluetas do que queremos pintar, coa axuda dun proxector e procedemos a pintar a cor de fondo de cada un dos taboleiros.

  

Unha vez pintados, toca comezar cos debuxos, que aínda se poden ver. Haberá que ser coidadosos co pincel...

  

Pouco apouco vai tomando forma e color. O que é seguro e que vai quedar un rocódromo moi colorido.



Este é o resultado final. Xa só queda colocar as presas de xeito que poidamos crear rutas de diferente dificultade.



E listo! Unha vez colocadas as mesmas, o noso alumnado xa pode gozar dunhas boas sesións de escala.

sábado, 15 de setembro de 2018

Colocamos un zapateiro para as zapatillas do alumnado

Este curso académico comezamos con novidades na Educación Física. O alumnado terá un zapateiro para deixar as súas zapatillas e non cargar con elas diariamente. Unha medida necesaria desde que implantamos a obligatoriedade de traer un par de zapatillas propios para a Educación Física.

Debido á nosa milla diaria e a que o noso patio ten moitas zonas verdes e de terra, o calzado do alumnado volve para as aulas con bastante terra, sobre todo nos días húmidos ou nos que choveu en días anteriores. Faise necesario poñer zapatillas limpas antes de entrar no ximnasio, do contrario acaba cheo de terra ao final do día. E é precisamente aí cando teñen clase de psicomotricidade os nenos e nenas de Educación Infantil, que acostuman a facer moitas tarefas no chan. Agora será máis doado ter un ximnasio limpo ao longo de toda a xornada escolar. 

Construimos unhas estanterías, de xeito que cada clase tivese un espazo para cada neno ou nena...



Unha vez listas, engadímoslles unhas portas de cores, colocámoslles unhas pechaduras e identificamos os cursos cuns vinilos nas mesmas.



Grazas á creatividade dunhas alumnas de 4º xa temos uns chaveiros de cores moi axeitados para a ocasión.



Unha vez listo xa podemos proceder a darlle uso. Por suposto, non é unha medida obligatoria, pois aquel alumnado que polo motivo que sexa, prefire levar e traer os sus tenis nos días de Educación Física, pode facelo, simplemente pretendemos darlles facilidades a eles e ás súas familias.